O Colexio de Enxeñeiros Industriais aposta por "acelerar a implantación" do ancho internacional ata Santiago
O Colexio de Enxeñeiros Industriais aposta por "acelerar a implantación" do ancho internacional ata Santiago
A organización considera tamén prioritario planificar a extensión á Coruña e Vigo a través do Eixo Atlántico
Nun comunicado, remarca que a competitividade industrial e loxística de Galicia "depende en gran medida da súa conexión eficiente"
Europa Press
O Colexio Oficial de Enxeñeiros Industriais de Galicia considerou prioritaria "acelerar a implantación" do ancho internacional ata Santiago e planificar a súa extensión a Vigo e A Coruña. Nun comunicado, o Colexio remarcou que a competitividade industrial e loxística de Galicia "depende en gran medida da súa conexión eficiente cos grandes corredores europeos de mercancías e viaxantes".
"Manter unha parte substancial da rede galega en ancho ibérico supón conservar unha barreira técnica que dificulta a plena interoperabilidade coa rede ferroviaria europea e limita o potencial de crecemento do transporte ferroviario", sinalou.
Desta forma, ven prioritario "acelerar a conversión" do tramo Ourense-Santiago ao ancho internacional e planificar a extensión do ancho estándar cara a Coruña e Vigo a través do Eixo Atlántico.
"A interoperabilidade ferroviaria non é unha cuestión simbólica nin territorial; é unha infraestrutura crítica para a competitividade industrial, a captación de operadores, a redución de custos loxísticos e a descarbonización do transporte", remarcaron os enxeñeiros.
Así mesmo, consideran que atrasar esta transición pode "consolidar unha posición periférica" de Galicia dentro da Rede Transeuropea de Transporte, nun momento no que Europa está a reforzar os corredores ferroviarios de mercancías e as conexións interoperables.