Xa se multa os vehículos non autorizados na Zona de Baixas Emisións de Ourense
A pegatina ambiental marca desde hoxe quen pode circular polo centro de Ourense, e quen non a teña arríscase a unha sanción de 200 euros
A cidade activa as sancións da Zona de Baixas Emisións tras meses de período informativo
Un pequeno adhesivo pasa dende hoxe a ser imprescindible para moitos condutores en Ourense. Quen non o teña -e tampouco conte cunha autorización municipal- xa non poderá acceder á Zona de Baixas Emisións sen arriscarse a unha sanción de 200 euros.
"Teño dous coches: un con dez anos e outro con vinte. Aquí traio as etiquetas, que acabo de ir por elas", explica un condutor afectado pola medida.
"Esperemos que sexa para ben, para colaborar na loita contra o cambio climático", valora unha moza que apoia a entrada en vigor da norma.
A restrición afecta principalmente aos vehículos diésel matriculados antes de 2006 e aos de gasolina anteriores ao ano 2000. Entre os colectivos máis afectados están os transportistas e os repartidores.
"Temos ata as once e media só. É moi xusto todo", ironiza un repartidor.
"Por uns gramos de alcol máis quítanche dous puntos e non é tanta multa. Iso é máis perigoso que pasar co coche vello", cuestiona un condutor a contía das sancións.
Máis de cen mil vehículos da provincia non teñen etiqueta ambiental e só poden acceder con autorización municipal.
"Quen teña o coche vello, que vai, ¿a pé?", cuestiona un condutor.
"Teño a miña nai con moita dificultade para andar, temos que vir acompañándoa e cústanos", explica un veciño afectado.
As multas xa están en vigor, pero as cámaras de control e a sinalización definitiva aínda están pendentes de instalar.