Enfrontamentos e cargas policiais na manifestación dos traballadores do metal en Cádiz
Unidas Podemos pídelle explicacións a Interior polo uso dun tanque da policía nas protestas
Octavo día de folga do metal, na véspera dunha nova reunión para intentar un acordo coa patronal
Milleiros de persoas manifestáronse polas rúas de Cádiz para apoiar as reivindicacións do sector do metal. O Sindicato de Estudantes convocou unha folga para sumarse á mobilización, que se dirixía á sede da patronal.
A última hora, un grupo de manifestantes desviouse do percorrido oficial coa intención de cortar a ponte de Carranza, un dos tres accesos á capital. Nese momento a policía disparou balas de goma e lanzou gases lacrimóxenos, ao que os manifestantes responderon guindando botellas e pedras.
A folga indefinida cumpre oito días sen acordo entre as partes. A última proposta dos empresarios é unha suba do dous por cento ata 2023. Os sindicatos queren un incremento conforme ao IPC interanual.
"A proposta que seguen traendo é a do 2 por cento, a patronal en ningún momento tivo ganas de negociar", asegura o líder de UXT en Cádiz.
O alcalde de Cádiz ofrécese para mediar no conflito e pídelle por carta a Yolanda Díaz unha reunión urxente para desbloquealo: "Que veña e coñeza de primeira man a situación que atravesan os traballadores do metal. É necesario que o Goberno tome cartas no asunto".
Un goberno en que se abre unha nova división polo uso dun vehículo blindado da Policía durante as protestas. Unidas Podemos pídelle a Grande-Marlaska que a retire: "Non os vimos nas manifestacións neonazis de Chueca nin as veremos este sábado contra a lei mordaza, por iso non entendemos que estean en Cádiz".
Tamén Yolanda Díaz lle pide explicacións a Interior pola presenza desta tanqueta que, segundo a delegación do Goberno, só se empregará "en momentos de máxima tensión".