Castro de Rei fai dous meses de restricións de auga polos niveis de arsénico
Os veciños e negocios de Castro de Ribeiras de Lea non poden consumila para beber ou cociñar e teñen que mercala embotellada ou usar os pozos privados
No núcleo de Castro de Ribeiras de Lea e en trece parroquias tiran de paciencia para convivir coas restricións da auga. Cada verán a seca eleva os niveis de arsénico nos acuíferos e na rede municipal.
"Vén con niveis de arsénico que non se pode beber nin consumir e estamos á espera. Están facendo o posible por amañar o tema", explica a veciñanza, que lamenta que desta volta o problema alóngase xa por dous meses.
"Non a podemos beber e é un encordio. Hai que mercala ou traela dalgún sitio e agardamos que se solucione dunha vez porque levamos moito tempo así".
"Levamos uns meses que non podemos nin consumila para cociñar nin bebela. Están mirando de que se poida reparar pero xa se nos fai un pouco longo".
Aos niveis de arsénico elevados no estío súmase no inverno a turbidez da auga polas enchentes na Terra Chá.
En ambos os casos veciños, hostaleiros e outros negocios como salóns de peiteado recorren a pozos, fontes e garrafas de auga pra cubrir as súas necesidades e atender á clientela, tamén na feira semanal dos mércores.
Un polbeiro explica que usa "unhas seis garrafas grandes de quince ou vinte litros pros caldeiros e cubrir tódalas necesidades".
Outra veciña merca auga "para beber e cociñar" e recorre aos pozos dos veciños "para lavar os dentes".
O Concello de Castro de Rei confía en que Augas de Galicia execute axiña o proxecto xa elaborado pra solucionar os problemas coa auga da traída, incluíndo un novo depósito e sistemas de filtrado e decantación.