Ence reutiliza auga da depuradora de Pontevedra para reducir dependencia do Lérez
Desde o pasado mes de agosto, data na que se puxo en marcha este proxecto, a factoría non consumiu auga do río para o seu proceso industrial, segundo destacou o seu presidente
Colmenares subliñou que se trata dun fito histórico para a industria española, ao permitir que unha instalación moi intensiva no consumo de auga poida manter a súa actividade mesmo en episodios marcados pola seca e a escaseza
A fábrica de Ence en Pontevedra convértese na primeira do sector en empregar un sistema de rexeneración para reutilizar a auga da depuradora urbana e reducir a súa dependencia do río Lérez.
Así, desde o pasado mes de agosto, data na que se puxo en marcha este proxecto, a factoría non consumiu auga do río para o seu proceso industrial, segundo destacou este venres o seu presidente Ignacio Colmenares.
Colmenares subliñou que se trata dun fito histórico para a industria española, ao permitir que unha instalación moi intensiva no consumo de auga poida manter a súa actividade mesmo en episodios marcados pola seca e a escaseza.
O presidente da compañía explicou que Ence decidiu impulsar esta actuación o pasado mes de marzo ante a previsión de que o río Lérez, como en anos anteriores, non dispuxese de suficiente auga durante o verán.
O sistema permite reutilizar a auga procedente da EDAR de Pontevedra tras aplicar un tratamento que comeza coa desinfección do efluente mediante luz ultravioleta. Despois, a auga pasa por procesos de desnitrificación, filtración e ósmose inversa ata alcanzar a calidade necesaria para o seu uso industrial.
O máximo responsable de Ence asegurou que esta instalación é carísima de operar, polo que, en principio, tan só se utilizará en períodos de seca. "É un sistema para emerxencias e operarémolo en anos de seca durante un mes, dous meses ou tres meses. Pero durante o inverno, cando hai auga dabondo, usaremos auga normal", explicou Ignacio Colmenares.
Ence prevé estudar a implantación de sistemas similares noutras instalacións do grupo situadas en zonas sometidas a unha maior presión de consumo de auga. Este proxecto forma parte dun paquete de actuacións que Ence cifra en 30 millóns de euros, destinadas a implantar solucións innovadoras vinculadas á xestión eficiente da auga e aumentar así a súa independencia hídrica.
Entre elas, destacan a recuperación de condensados, a reutilización de augas brancas para o lavado da pasta ou a aplicación diaria dun procedemento operativo con máis de 30 puntos de control en sete áreas da instalación.
Na visita que realizou este venres á fábrica, a conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático Ángeles Vázquez destacou que este proxecto é o mellor exemplo de como avanzar na reutilización dos recursos hídricos. Vázquez estimou que este tipo de iniciativas poderían permitir que as industrias de toda Galicia puidesen reutilizar uns cinco millóns de metros cúbicos de auga procedente das depuradoras residuais.