O peche da sucursal de Vivanta na Coruña deixa ducias de clientes "tirados"
A clínica leva dous días pechada
Hai clientes con tratamentos a medias e milleiros de euros no aire
A empresa trata de calmar os ánimos e insiste en que cumprira co pactado
A sucursal da rúa Barcelona, na Coruña leva dous días pechada ao público, uníndose aos outros peches repentinos confirmados pola OCU en comunidades como o País Vasco, Aragón e Castela-A Mancha. A clausura imprevista deixou a ducias de pacientes coruñeses nunha situación de incerteza asistencial e económica, con custosos tratamentos de ortodoncia e implantes a medio facer e, en moitos casos, xa financiados ou aboados por adiantado.
Estes peches coinciden cunha profunda reestruturación empresarial. A Comisión Nacional dos Mercados e da Competencia (CNMC) autorizou a venda das sociedades de Vivanta ao fondo Fairy Investments. Esta operación, vinculada a matriz de Vitaldent, veu acompañada do anuncio dun ERTE que afecta a 464 traballadores en todo o país, tras suspender a actividade dos centros que quedaron fóra da compra.
A polémica intensifícase no ámbito político e profesional. O Consello Xeral de Dentistas de España cualificou a situación de "novo escándalo", lembrando que a cadea recibiu un rescate público de 40 millóns de euros por parte da SEPI en 2022 e que aínda non devolveu.
Para calmar a alarma social, a matriz de Vivanta (Aestes Dental) emitiu un comunicado asegurando que todos os tratamentos pendentes están garntidos. Segundo a empresa, os afectados dos centros clausurados, como o da Coruña, serán recolocados e atendidos progresivamente a través da rede de clínicas de Vitaldent sen custo adicional.
Mentres se concreta a recolocación das citas, as asociacións de consumidores recomendan aos pacientes solicitar formalmente e por escrito o historial clínico, reunir contratos, orzamentos, facturas e folletos publicitarios, enviar un escrito ao banco para suspender os cobros de créditos vinvulados ao tratamento interrompido e se a empresa finalmente se declarse en concurso de acreedores, notificar a súa débeda ao administrador xudial designado.