Publicador de contidos

Publicador de contidos

Deteñen o último membro da banda que asaltou sucursais no Porriño, Vigo e Mondariz

Deteñen o último membro da banda que asaltou sucursais no Porriño, Vigo e Mondariz

As primeiras detencións producíronse en abril, cando varios dos sospeitosos ían atracar unha oficina bancaria

G24.gal 14/07/2026 12:00 Última actualización 14/07/2026 14:19

A Garda Civil e a Policía Nacional culminaron o desmantelamento dunha banda de atracadores que se vincula con roubos en sucursais do Porriño, Vigo e Mondariz, coa detención o 7 de xullo do último suposto integrante deste grupo criminal.

Segundo informan as forzas de seguridade, este último detido é un veciño de Arbo que, polo menos, participou en dous dos atracos (no Porriño e Mondariz) e ao que se lle atribúen os delitos de roubo con violencia, detención ilegal, posesión ilícita de armas e pertenza a grupo criminal.

No rexistro practicado tras a detención, localizáronse unha escopeta recortada, un rifle, armas curtas, abundante munición, gran cantidade de diñeiro en efectivo, pezas presuntamente empregadas nos atracos, un inhibidor de frecuencia e proxectís compatibles con armas de guerra prohibidas en España para particulares.

Despois de ser posto ao dispor xudicial, no Xulgado Tribunal de Instancia N.º 1 do Porriño, decretouse o seu ingreso en prisión provisional.

A Policía Nacional e a Garda Civil non descartan que este home poida estar detrás doutros atracos ocorridos na provincia, polo que a investigación continúa aberta.

Operación Pampa-Tracker

A operación Pampa-Tracker iniciouse en outubro do ano pasado, tras un violento atraco cometido nunha sucursal bancaria do Porriño. Dous individuos, armados e ocultando a súa identidade con máscaras e disfraces, entraron na oficina poucos minutos antes do peche.

Tras inmobilizar con bridas empregados e clientes e ameazalos con armas de fogo, lograron acceder á caixa forte e aos caixeiros automáticos e apoderáronse duns 138.000 euros.

Os investigadores comprobaron que un dos autores asumía o liderado do asalto e utilizaba unha máscara de látex con aparencia dunha persoa de avanzada idade, lentes e outros elementos de caracterización. Armado cunha escopeta recortada dirixía a acción delituosa e daba instrucións tanto aos traballadores da entidade como ao resto de integrantes do grupo, demostrando un elevado grao de planificación e un profundo coñecemento dos sistemas de seguridade bancaria.

As primeiras pescudas permitiron relacionar os sospeitosos con dous intentos de atraco previos cometidos nunha sucursal de Vigo, un feitos que xa investigaba a Policía Nacional. A coincidencia do modus operandi levou á creación dunha liña conxunta de investigación entre ambos os corpos.

Primeiras detencións

Durante meses estableceuse un intenso dispositivo de vixilancia sobre os investigados, que cambiaban frecuentemente de domicilio e extremaban as medidas de seguridade para evitar a súa detección.

O 1 de abril deste ano desenvolveuse a primeira fase da operación, cando tres dos implicados foron detidos en flagrante, cando se dispoñían a atracar unha sucursal en Vigo. Nese momento portaban unha arma de fogo, navallas, bridas, luvas e outros efectos destinados á comisión do roubo.

Os detidos (un deles o histórico atracador vigués alcumado Tielas) ingresaron en prisión por orde do xulgado e arrestouse outros dous individuos por dárenlles apoio loxístico, pero o xefe do grupo non participou nese asalto.

Asemade, tamén se investigaba un atraco cometido en febreiro nunha sucursal de Mondariz, onde unha persoa disfrazada cunha máscara entrou pouco antes do peche e, co mesmo modus operandi, usando unha arma de fogo, levou un botín duns 115.000 euros.

As pescudas permitiron identificar ese atracador, o mesmo que se disfrazara de ancián no atraco do Porriño, e procedeuse á súa detención o 7 de xullo.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade