Róubanlle a unha muller en Pontevedra todas as xoias herdadas de varias xeracións
Entre as pezas roubadas hai un anel de ouro con brillantes e unha perla natural, deseñada pola súa avoa
A Policía segue o rastro de varias bandas do Leste por outro roubo en Pontevedra, na zona de Vigo e en Vilagarcía
Quedoulle o xoieiro limpo. Leváronlle o seu pequeno gran tesouro.
"Eran, sobre todo, herdanzas e agasallos da miña avoa, da miña tataravoa á miña nai e despois a min. Tamén tiña os pendentes da pedida que eran moi bos, pulseiras de ouro ríxidas que xa non existen. Había pezas moi, moi bonitas", relata a vítima.
Bonitas e caras. Nunca as taxaran pero sumarían varios ceros, unha gran perda económica e máis aínda sentimental.
"Enorme, enorme! De feito, había un anel que me regalara a miña avoa pola Comunión, cunha perla natural, de ouro con brillantes e é unha peza que non existe porque o deseñara ela que lle encantaba deseñar xoias", engade.
Pasaran a fin de semana fóra e á volta a escena foi desoladora.
"A porta estaba forzada e medio aberta, con sinais dunha panca metálica e facendo presión arrancaron a metade do marco, que quedou colgando da pechadura e atopamos o piso completamente revolto", lamenta a muller.
Pouco máis tiveron que romper.
"Por recomendación de amigos aos que os roubaran antes, dicían que o van atopar igualmente e que para evitar estragos maiores, non é bo agochalo todo demasiado porque che poden ata rasgar os colchóns, como lles pasou a eles", explica.
O modus operandi axústase ao habitual nas bandas do leste. Marcan as portas cun plástico e entran nas que comproban que non caeu ao chan, que non houbo movemento. A policía ten no radar bandas de xeorxianos, albaneses e tamén de mulleres croatas. Nos mesmos días, levaron xoias doutra vivenda de Pontevedra e houbo roubos similares na zona de Vigo e en dúas casas de Vilagarcía.
A investigación está avanzada pero, de momento, sen froitos.
"Deséxolles sorte porque me encantaría recuperalas".
Dío con poucas esperanzas pero por pedir que non quede.