Aumenta a preocupación por roubos en vivendas en Vilagarcía
No último asalto, levaron efectivo dun piso, tras tentar entrar na porta de en fronte
Identificaron dous homes e unha moza como posibles sospeitosos
Tentárono na letra A e conseguírono na B.
"Unha delas tiña unha porta de seguridade, quixeron forzar a pechadura pero non conseguiron entrar e na outra si. Sabemos que non puideron levar moito pero fixeron un bo estrago, na porta e no interior", confirma un veciño.
Saíran sobre as doce da mañá e cando volveron ás catro, atoparon a porta forzada.
"Roubáronlle uns sesenta euros e estragáronlle a casa buscando obxectos de valor", engade o mozo.
"Buscan cartos e xoias. Non levan electromésticos, nin ordenadores nin móbiles. Van ao que van", concorda Alejandro Martínez, administrador de comunidades en Vilagarcía.
O modus operandi é o mesmo que o doutra bandas pero neste caso sospeitan de xente algo menos profesional e moito máis chapuceira.
"Se fosen profesionais podían entrar na casa que tiña a porta reforzada e podían forzar a pechadura. Non temos constancia de que puxeran tiras de silicona nas portas", confirma o veciño.
Van a roubo, ou intento, case por día.
"Hai un tempo quixéronme roubar o coche, forzando a pechadura cun lápiz..., intentos de roubo moi de menudeo", ironiza o mozo.
"Varios presidentes de comunidades avisáronme de roubos ou intentos de roubos en vivendas e en garaxes comunitarios en distintos puntos de Vilagarcía", resalta Martínez.
Nun deles, en Vista Alegre, sorprenderon unha muller no garaxe cando roldaba ao redor dos coches. É unha das habituais. A recomendación:
"Avisamos aos veciños de que comproben que o portal do edificio quede ben pechado, que tomen precaucións nas súas vivendas e que esperen a que baixe o portal do garaxe para que non entren descoñecidos", advirte o xestor de varias comunidades.
Os botíns pouco teñen que ver cos da semana pasada en Pontevedra pero os estragos, o medo e a sensación de inseguridade quedan no corpo.