Publicador de contidos

Publicador de contidos

Desvelamos como son as estafas bancarias duplicando a tarxeta SIM

Desvelamos como son as estafas bancarias duplicando a tarxeta SIM

En Vilagarcía, varios afectados quedaron coas contas baleiras ao duplicarlles a tarxeta do móbil

Recomendan non ter datos e copias da documentación no correo electrónico, ao que acceden con facilidade

G24.gal 20/03/2026 14:52

Estamos vendidos. Mensaxe da entidade bancaria advertindo dunha fraude que é a propia fraude.

"Este sería un caso típico. Aquí recibistes unha SMS que é fraudulenta, que se fai pasar por un banco. Aquí poñen un número ao que chamar pero que tamén podería ser unha ligazón na que clicar e nesa ligazón, pediríanche os usuarios e contrasinais para desbloquear a operativa do banco e con eses contrasinais, poderían suplantar a túa identidade", explica Roberto Vieito, do Colexio de Enxeñeiros Informáticos de Galicia.

Chámase phishing, de 'pescar' en inglés. A mensaxe é o anzó, a ver se picamos tal cal peixes.

"Mensaxes recibín unha ou dúas para entrarme na conta", comenta un home.

"Dixéronme que eran de Abanca e que tiñamos os números da conta mal e que querían que lles deramos os números de conta e xa lle din que non e colgamos. Mensaxes e chamadas de spam a montóns", recoñece a muller.

No caso de Vilagarcía, picaron varios que quedaron coas contas do banco baleiras. A estafa empezou cun fishing, que pasou a algo maís sofisticado. Chámase...

"Sim Swapping'. O paso inicial é conseguir duplicar a SIM. Para iso, suplantan a nosa identidade e unha vez que está a SIM duplicada, entra o 'sim swapping', é dicir, solicitan unha mensaxe de recuperación para acceder á aplicación bancaria", engade Vieito.

Duplicada a SIM, estamos perdidos. 

"A operativa que pode facer é coma se foras ti. Pode facer a mesma operativa, dende trasnferir fondos, solicitar un crédito, amplialo, etc", advirte o enxeñeiro informático.

Podemos detectar que nos duplicaron a tarxeta?

"Se empezamos a recibir mensaxes de recuperación de contrasinal, ou reseteo de contrasinal ou códigos de verificación que non estamos solicitando, pode ser un indicio", advirte Roberto Vieito.

Evitalo é complicado, pero hai trucos.

"A orixe para suplantar a nosa identidade é conseguir documentación nosa, como pode ser o DNI, un escaneado, unha foto, que case todos levamos no correo electrónico", sinala o experto. 

"Non o sei. Igual tiven que meter o DNI nalgunha web e agora está asociado ao meu correo, pero non teño nin idea", confesa un mozo.

"Para un traballo ou calquera cousa, case sempre che mandan envialo por correo e iso si pode ser un problema", coincide outra rapaza.

En Galicia, o ano pasado cometéronse case 26.000 delitos informáticos. Nove de cada dez son enganos económicos, Conclusión: hai máis peixes que pican dos que se sabe.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade