Alertan dunha fraude mediante phising, que suplanta a identidade da Universidade de Santiago
Os ciberestafadores enviaron correos masivos a alumnos reclamando un pago pendente de 550 euros relacionado co abono da matrícula
Imaxe de arquivo do reitorado da USC
A Policía Nacional detectou unha campaña de phising, na que se suplanta a identidade da universidade de Santiago de Compostela.
Desde a pasada semana, foron recibidas varias denuncias en dependencias policiais, nas que se constataba o mesmo modus operandi por parte dos ciberestafadores.
A través do envío masivo de correos electrónicos dirixidos a alumnos da Universidade, e suplantando a súa identidade, reclaman un pago pendente de 550 euros relacionado co abono da matrícula, achegando para iso un número de conta no que se debe ingresar urxentemente a cantidade solicitada, remitindo un comprobante de pago.
Desde a detección de estafa en liña, denominada phising, por parte da Policía Nacional, a Universidade de Santiago de Compostela e a entidade bancaria involucrada, iniciouse unha liña de traballo conxunta para neutralizar esta campaña delituosa que utiliza o nome da USC e lograr a identificación e detención dos ciberestafadores.
Consellos da Policía Nacional en relación ao phising
1. Analice toda notificación que reciba tanto por mail, sms ou calquera outro medio, na que lle sexa solicitado o pago de diñeiro.
2. Verifique sempre a ligazón antes de abrir. Os estafadores utilizan ligazóns e dominios que non se corresponden cos que utiliza a empresa ou entidade suplantada. Algúns tentan emular o dominio oficial, variando a orde das letras ou cambiando algunha delas.
3. Atención ante dominios xenéricos. A maior parte de entidades ten un dominio rexistrado co seu nome ou siglas. Desconfíe por tanto da mensaxe se o recibe desde dominios xenéricos.
4. Permaneza alerta ante calquera petición de diñeiro ou datos persoais ou bancarios. Os ciberdelincuentes non só queren facerse co noso diñeiro, trafican tamén cos nosos datos persoais, os cales poden ser utilizados con posterioridade para realizar futuras estafas.