Publicador de contidos

Publicador de contidos

Morre o actor Chuck Norris aos 86 anos

Morre o actor Chuck Norris aos 86 anos

Fora ingresado nun hospital en Hawai despois de sufrir unha emerxencia médica

Comezou da man de Bruce Lee na película El furor del dragón; na súa filmografía destacan Furia silenciosa (1982), Desaparecido en combate (1984), ou Delta Force (1986), ademais de Walker Texas Ranger na televisión

Tras alistarse na Forza Aérea dos Estados Unidos, foi destinado a Corea, onde comezou a formarse en artes marciais, e foi campión mundial de karate de peso medio

Chuck Norris, nunha imaxe de arquivo (REUTERS/Chris Keane) Chuck Norris, nunha imaxe de arquivo (REUTERS/Chris Keane)
G24.gal 20/03/2026 15:31

Chuck Norris, mestre de artes marciais e estrela do cinema de acción durante varias décadas, faleceu aos 86 anos. Así o confirmou a familia do actor estadounidense nun comunicado no que non revelou as causas da súa morte.

"Con profunda tristeza, a nosa familia comparte o repentino falecemento do noso querido Chuck Norris onte pola mañá. Aínda que preferimos manter as circunstancias en privado, saiban que estaba rodeado da súa familia e descansaba en paz", informa a través dun publicado na páxina oficial de Facebook do actor.

Segundo informaron varios medios, Norris fora ingresado nun hospital en Hawai despois de sufrir unha emerxencia médica.

"Para o mundo, foi un artista marcial, actor e un símbolo de forza. Para nós, foi un esposo devoto, un pai e avó amoroso, un irmán incrible e o corazón da nosa familia", continúa o comunicado da familia no que se destaca que o actor "viviu a súa vida con fe, determinación e un compromiso inquebrantable coas persoas que amaba".

Para a famila, "a través do seu traballo, disciplina e bondade, inspirou a millóns de persoas en todo o mundo e deixou unha pegada indeleble en moitísimas vidas".

De mestre das artes marciais a lenda do cinema

Nacido o 10 de marzo de 1940 en Oklahoma, a carreira como actor de Chuck Norris está intimamente ligada á súa traxectoria nas artes marciais. Tras alistarse na Forza Aérea dos Estados Unidos, foi destinado a Corea, onde comezou a formarse en artes marciais. Cando regresou ao seu país, abriu a súa propia academia e proclamouse campión mundial de karate de peso medio, fazaña decisiva para que Bruce Lee reparase nel e o fichase para o elenco de El furor del dragón.

Aínda que a súa incursión no cinema produciuse a finais dos sesenta, o seu gran punto de inflexión chegou naquela cinta de 1972 onde Norris interpretou ao rival do protagonista encarnado por Bruce Lee no xa lendario combate do Coliseo.

Aquel papel no furor do dragón deu visibilidade internacional a Norris e marcou o inicio dunha carreira que foi crecendo de maneira progresiva durante o resto da década. Neses anos empezou a asentarse como protagonista de cintas de acción ata converterse nunha presenza habitual do xénero con títulos como Los valientes visten de negro (1978) e Fuerza 7 (1979).

A década dos oitenta foi a da súa consagración definitiva. Norris encadeou entón algúns dos proxectos máis representativos da súa filmografía, entre eles Furia silenciosa (1982), McQuade, lobo solitario (1983), Desaparecido en combate (1984), Invasión USA (1985) e Delta Force (1986). Nese período consolidou a imaxe do heroe contundente, sobrio, hipermilitarizado e de inquebrantable código, unha clase de personaxe que terminou definindo o seu lugar dentro do imaxinario popular do cinema estadounidense.

Nos noventa, Norris atopou unha segunda gran vida en televisión con Walker Texas Ranger. Entre 1993 e 2001, a serie emitiu 196 episodios ao longo de nove tempadas que terminaron por convertelo nunha icona da cultura popular. Deu vida a Cordell Walker, un ranger texano que reunía boa parte dos trazos que definiran os seus personaxes cinematográficos: disciplina, sentido da xustiza e habilidades de combate.

Despois desa etapa, a súa presenza en pantalla foi máis esporádica, aínda que seguiu vinculado o xénero que lle fixera soado. Entre as súas aparicións posteriores destaca Los mercenarios 2, onde a súa participación funcionou tamén como chiscadela á súa condición de lenda do cinema de acción. Entre os seus últimos traballos figura Zombi Plane, comedia de acción que chegará en 2026.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar

Publicador de contidos