Unha parroquia de Santiago promove unha votación para anexionarse ao concello de Trazo
A orixe do descontento está na nova rede de transporte urbano: denuncian que son a única parroquia que queda sen bus
"Imos facer unha xuntanza cos veciños e, se estamos dacordo, imos solicitar a segregación do concello de Santiago". Así de contundente é o vogal da asociación de veciños de Busto, José Antonio Rodríguez. É a solución que se lles ocorreu na parroquia para presionar o Concello de Santiago.
A orixe do descontento está no redeseño da rede urbana de transporte público. Denuncian que a súa vai ser a única parroquia compostelá sen servizo de autobús.
"O Concello escúdase en que, pola dimensión, as vías non dan os requirimentos técnicos", explica José Montaos, presidente da asociación. Pero esa explicación -di- non lles encaixa. "Choca co que nós vemos todos os días, que é que vén o bus escolar pola mañá e pola tarde, con autobuses grandes e pequenos, así que non entendemos esa decisión".
Ata hai cousa de vinte anos, pasaba o autobús para conectalos coa cidade. Perderon o servizo en 2004, e contaban recuperalo agora que se prevé estender a rede urbana ata as parroquias veciñas.
"Unha vez que pasa por Marantes e Nemenzo, pode vir cara a Busto e saír por Berdía, que non ten que desviarse 40 quilómetros", lamenta Rodríguez.
Están en contacto co Concello: dinlles que as liñas de bus poden modificarse unha vez feita a adxudicación, e que chegará a Busto. É unha promesa feita, pero os veciños queren garantías: "un documento oficial asinado por todas as forzas políticas pensamos que sería unha garantía importante", di o presidente da asociación.
Están mobilizados e decididos a non deixar pasar esta oportunidade. De aí que organizaran unha votación: van decidir se deixar Santiago para solicitar anexionarse ao concello de Trazo. Cren que Trazo entendería mellor as necesidades da parroquia, ao ser un concello rural.
"A ver, é unha votación simbólica -aclara Montaos-, pero nós imos tratar de que, se os veciños se manifestan a favor, empezar os trámites legais e que decidan outras instancias se se pode dar ou non", conclúe.