Publicador de contidos

Publicador de contidos

Deteñen sete persoas acusadas de estafar un empresario da Gudiña a través da banca en liña

Deteñen sete persoas acusadas de estafar un empresario da Gudiña a través da banca en liña

Os investigadores da Garda Civil atribúenlle a este grupo, que operaba principalmente desde a provincia de Barcelona, delitos de estafa, branqueo de capitais e pertenza a grupo criminal

Amais dos arrestados, tres persoas máis están sendo investigadas, entre elas un veciño de Lobios

G24.gal 18/03/2026 13:01

Unha investigación liderada pola Garda Civil de Ourense culminou con sete detidos e outros tres investigados, co que dá por desmantelado un grupo delituoso que se dedicaba a estafar clientes da banca en liña.

Segundo detallaron fontes da investigación, as detencións, no marco da operación Gulux, leváronse a cabo principalmente na provincia de Barcelona, en L'Hospitalet de Llobregat, Canovelles, Granollers, e Santa Perpètua de Mogoda, onde se detivo a seis persoas -tres homes e tres mulleres - e na que foron investigados dous homes, entre os que se atopaba o líder desta organización criminal.

As detencións e investigacións tamén se estenderon a outras provincias, en concreto, en Palma de Mallorca, onde foi detida unha muller, e a Lobios, onde se investiga un home.

A Garda Civil atribúelles delitos de estafa, branqueo de capitais e pertenza a grupo criminal.

A operación, sinala un comunicado, arrincou hai algo máis de dous anos, cando un empresario na localidade do Cañizo, na Gudiña denunciou que lle estafaban 70.000 euros, tras recibir unha mensaxe, presuntamente da entidade Abanca, onde lle indicaba o seguinte: “Iniciouse sesión desde un novo dispositivo (), se non recoñece dito acceso, bloquee inmediatamente a través da seguinte ligazón "www.abancaempresa.com/es/".

Esta ligazón redirixía a unha web fraudulenta que solicitaba as súas credenciais de acceso a contas en liña e o teléfono de contacto, que permitiu aos ciberdelincuentes facerse co control da súa banca electrónica, realizando varias transferencias por un importe total de 70.000 euros desde as súas contas bancarias privadas.

Parte do diñeiro foi retirado en efectivo pouco despois dos ingresos e outra parte desviado a diversas contas nacionais e internacionais dadas de alta polos propios membros do grupo criminal coa finalidade de ocultar e encubrir a procedencia ilícita do diñeiro, facéndoo parecer lícito.

Fontes do Instituto Armado sinalaron que todos os detidos e investigados, de nacionalidade española, obtiveron un beneficio económico directo (lucrándose) ao recibir diñeiro nas súas propias contas, a miúdo a cambio dunha compensación económica da organización.

As dilixencias que foron remitidas ao Tribunal de Instancia Praza número dous de Verín. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade