Denunciarán o Concello de Ourense polos ruídos na zona vella
Veciños da zona vella de Ourense recadan fondos para denunciar o Concello polos ruídos da movida nocturna
Levan anos recompilando probas e queren ir pola vía penal, polos secuelas físicas e psíquicas dos veciños afectados
O problema dos ruídos na zona vella de Ourense non é novo. Os veciños, constituídos na asociación O Cimborrio, levan desde 2018 presentando denuncias e recompilando probas, coma vídeos gravados por un detective e cos que pretenden demostrar o incumprimento da normativa por parte de máis dunha vintena de locais nocturnos da zona vella.
"Sen licenza, sen limitadores de son, cunha insonorización que non está acorde ao regulamento...". "A permisividade dos negocios en contra da saúde dos que residimos alí é clara". "Hai cada vez menos veciños, menos servizos, máis degradación de todo: graffitis, sucidade...", explican varios veciños afectados.
Anunciaron denuncias pola vía penal contra o concelleiro responsable e contra os técnicos dos servizos implicados. Piden doazóns para poder emprendelas.
Carlos Vence, presidente da asociación O Cimborrio: "Necesitámolo para avogados, medicións acústicas, detectives privados... Imos ir polo penal, porque aquí hai xente que está sufrindo, con secuelas físicas e psíquicas polo ruído. E ímolo acreditar".
Lamentan tamén que esta situación estea causando unha progresiva degradación da zona máis emblemática da cidade.