De estradas afundidas a casas inundadas: case mil incidencias polo temporal
Unha condutora sae ferida leve tras caer no burato dunha estrada fendida pola chuvia en Campañó
Varias familias foron rescatadas con medios acuáticos en Begonte
Tamén houbo cancelacións de voos e algúns desvíos ao aeroporto de Santiago
O 112 rexistrou 916 incidencias dende o luns ata a tarde do martes. Os efectos das intensas chuvias deixáronnos algunhas imaxes impresionantes, coma a da estrada que se afundiu en Campañó, Pontevedra, cunha condutora accidentada que só sufriu feridas leves.
Ou rescate con medios acuáticos de varias familias en Begonte, onde unha ducia de casas quedaron anegadas.
Tamén foron protagonistas desprendementos coma o dunha estrada de Folgoso do Courel, concello que destacou nos datos de precipitacións con case 150 litros acumulados.
Incidencias no tráfico aéreo
O temporal causou tamén problemas nas comunicacións aéreas. Pola mañá Air Europa cancelou dúas chegadas dende Madrid: unha ao aeroporto de Alvedro, outra ao de Peinador. Ao non aterraren os avións houbo que cancelar tamén as saídas correspondentes.
Pola tarde, a borrasca obrigou a cancelar un voo máis de Madrid a Vigo e a desviar outro dende A Coruña a Santiago. O aeroporto compostelán funcionou con normalidade. En todo caso, AENAS recomenda aos pasaxeiros que comproben a información relativa aos seus voos.