Publicador de contidos

Publicador de contidos

Condenado a 28 anos de cárcere o acusado de violar e matar a Elisa Abruñedo

Condenado a 28 anos de cárcere o acusado de violar e matar a Elisa Abruñedo

Roger Serafín deberá indemnizar os dous fillos da vítima con 150.000 e 110.000 euros

O Tribunal do Xurado considerou acreditada a aleivosía e o ánimo de matar

Roger Serafín, condenado por asasinar e violar a Elisa Abruñedo en Cabanas (Europapress) Roger Serafín, condenado por asasinar e violar a Elisa Abruñedo en Cabanas (Europapress)
G24.gal 09/07/2025 12:02 Última actualización 09/07/2025 12:19

A sección segunda da Audiencia Provincial da Coruña, de conformidade co veredicto do Tribunal do Xurado, condenou a 28 anos de cárcere a Roger Serafín Rodríguez, o home que agrediu sexualmente e asasinou, o 1 de setembro de 2013, a Elisa Abruñedo, unha muller de 46 anos que saíra a pasear polas inmediacións do seu domicilio en Cabanas. 

Ademais, tal e como informou o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG), en concepto de responsabilidade civil, deberá indemnizar os dous fillos da vítima con 150.000 e 110.000 euros. 

En concreto, o acusado foi xulgado o pasado mes de xuño polos feitos, tras o que o Tribunal do Xurado o declarou, por unanimidade, culpable de asasinato e agresión sexual.

Tras iso, nunha sentenza con data do 30 de xuño e da que informou este mércores o TSXG, o maxistrado presidente sinala na sentenza que o Tribunal do Xurado entendeu probado que o acusado conducía o seu vehículo en sentido Fene cando viu camiñando a veciña da zona, entre as 20:45 e as 21:00 horas.

Na sentenza indica que Roger Serafín introduciu o turismo nun camiño veciñal, onde o deixou mal estacionado, e dirixiuse ao lugar onde a vira. Unha vez alí, segundo o relato de feitos probados, abordouna por detrás, agarrándoa fortemente cun brazo, e golpeouna na mandíbula, procedendo a arrastrala uns 17 metros, de costas, cara a un lateral da estrada, zona de arborado e vexetación baixa, coa intención de non poder ser visto nin identificado. Unha vez alí, lanzou a vítima ao chan e agrediuna sexualmente.

"A continuación, coa intención de acabar coa súa vida, estando a muller atordada, desvalida e sen posibilidades de reaccionar, apuñalouna tres veces", relata o maxistrado presidente na resolución, na que explica que as feridas producidas ocasionaron unha grande hemorraxia na vítima que provocou o seu falecemento.

O Tribunal do Xurado tamén entendeu probado que o acusado, tras apuñalar a muller, abandonou o lugar, monte a través, ata alcanzar o seu vehículo. O sospeitoso non foi detido ata o 17 de outubro de 2023.

O maxistrado presidente subliña que o Xurado, para apreciar o ánimo de matar, valorou a entidade das tres feridas incisas causadas, adecuadas para causar a morte da vítima, pois foron dirixidas a órganos tan vitais como o corazón e o pulmón, cunha arma branca duns 9 centímetros de folla, o cal evidencia o seu poder vulnerante e mortífero.

A iso engade que considerou probada a aleivosía, unha circunstancia especifica que determina a cualificación do homicidio como asasinato, pois a vítima ía soa, por unha estrada de pouca concorrencia, realizando unha actividade deportiva, cando foi abordada polo acusado dunha forma imprevista e sorprendente.

Ademais, asegura na sentenza que, como explicou o Xurado, a muller foi apuñalada de fronte, tombada no chan, sen que ofrecese resistencia ningunha, pois carecía de feridas de arma branca nas mans, o cal indica que non puido defenderse das puñaladas. O Tribunal do Xurado apreciou a superioridade derivada de que o acusado tiña unha arma branca fronte ao estado desarmado da súa vítima.

A iso, engádese a diferente superioridade física, favorable indubidablemente para o acusado, unha persoa corpulenta e alta, fronte a unha muller de 1,60 de altura. Por tanto, o maxistrado presidente explica que nos atopamos ante a aleivosía súbita ou inopinada, chamada tamén sorprendente, pois é precisamente o carácter sorprendente da agresión o que suprime a posibilidade de defensa.

A sentenza non é firme, pois cabe presentar recurso ante a Sala do Civil e Penal do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade