Declaran os fillos de Elisa Abruñedo: "Todo se foi nun momento. Perdes o apoio máis importante na vida"
Declaran os fillos de Elisa Abruñedo: "Todo se foi nun momento. Perdes o apoio máis importante na vida"
Na segunda xornada do xuízo pola violación e morte de Elisa Bruñedo en Cabanas declararon tamén varios veciños da zona
Adrián, o fillo maior de Elisa Abruñedo, lembrou aquela tarde do domingo 1 de setembro de 2013 cando súa nai saíu pasear, como acostumaba facer, e xa non regresou.
"Estiven 24 horas andando, en bici, polo monte e por todos os lados buscándoa sen comer nin beber nin durmir", asegurou Adrián Fernández, o fillo maior de Elisa Abruñedo.
Explicou tamén que, dous anos despois de perder a súa nai, faleceu seu pai nun accidente laboral e, nos seguintes catro anos morreron tamén o seu avó e un tío. "Moito sufrimento xunto", asegurou, polo que tanto el coma o seu irmán precisaron asistencia psicolóxica.
"Perdes o teu apoio máis importante na túa vida. Reméxeseme todo. É un malestar", explica Álvaro, o fillo pequeno da vítima.
Tras denunciar a súa desaparición, andaron á procura de Elisa. Un veciño que a vira camiñando foi quen atopou o seu cadáver.
"Case lle dou un golpe co coche. A miña idea era que a atropelaran. Ves maleza esmagada e daste de conta de que nese monte algo pasou. Eu vin o cadáver de Elisa cinco segundos", declarou Delfín Feal.
Tamén declararon varios veciños de Lavandeira que aseguraron escoitar no momento dos feitos un berro de muller.
"E ao mesmo tempo sentín un coche en marcha. E ao pouco sentín un golpe como de pechar unha porta. E aí acabouse", explicou unha veciña de Lavandeira.
Roger Serafín Rodríguez é investigado por un delito de agresión sexual e outro de asasinato. A fiscalía pide para el 32 anos de cadea. A acusación particular, 37 anos.