Publicador de contidos

Publicador de contidos

Curas e gardas civís disputan en Boiro un partido de fútbol solidario

Curas e gardas civís disputan en Boiro un partido de fútbol solidario

É a quinta edición deste partido solidario que enfronta curas da provincia da Coruña e gardas civís do Barbanza

A recadación, 3.400 euros, vai destinada a fins solidarios de Cáritas de Boiro

G24.gal 21/12/2025 21:08

Os dous equipos presentáronse co seu equipamento clásico: de amarelo e branco vaticano, o equipo do clero; de verde, a Garda Civil. No campo de Vistalegre de Boiro a expectación era máxima, e os seareiros estaban divididos.

"Eu vou cos curas, hai que estar á beira de Deus polo que poida pasar".

"Eu vou coa Garda Civil; cos curas, non".

"Os gardas igual che botan unha multa por aí, non é comercial".

"Quen cre que poderá máis, León XIV ou Marlaska?, pregúntalle o animador do partido ao árbitro. 

"Non sei, eu non lle sei nada. Todos os leóns teñen rabo", contesta o árbitro.

Aínda que no campo eran rivais, curas e gardas civís estaban unidos por unha fin solidaria: recadar fondos destinados a Cáritas de Boiro.

"Para que Cáritas, nestas datas e noutras datas, poida axudar a xente que máis o necesita", explica Juan Carlos Mariño, cura en varias parroquias de Boiro e adestrador do equipo dos curas. 

"Os gardas civís son a maioría do posto de Boiro, pero tamén do posto de Noia, Ribeira e Rianxo", explica José Antonio Fernández, adestrador do equipo da Garda Civil.

Na primeira parte os curas puxéronse por diante no marcador. A táctica do adestrador estaba clara.
 

"Saíde aí e non tiredes para a nosa portería, para a outra todo o que queirades", di o adestrador dos curas.

"Agora nesta segunda parte intentaremos ir un pouco máis arriba e ser máis intensos", di un xogador do equipo da Garda Civil.

E así foi, a Garda Civil reaccionou e acabouse impoñendo por 3 goles a 7. Con todo, o resultado máis importantes era o da recadación: 3.400 euros para os fins solidarios de Cáritas neste Nadal.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade