O xuízo contra o acusado da violación e morte de Elisa Abruñedo comeza este luns
Fiscalía pide penas que suman 32 anos de cárcere e será xulgado por un xurado popular
A vista está previsto que se prolongue ata o día 20 de xuño, na Audiencia da Coruña

Este luns, 16 de xuño, está previsto que comece na sección segunda da Audiencia Provincial da Coruña o xuízo contra Roger Serafín, o veciño de Narón acusado da morte e violación de Elisa Abruñedo, a veciña de Lavandeira, en Cabanas. Elisa Abruñedo foi asasinada en setembro de 2013, cando saíu a pasear pola contorna da súa casa.
Roger Serarín será xulgado por un tribunal popular e a Fiscalía pide para el unha pena que suma 32 anos de cárcere por un delito de agresión sexual e outro de asasinato.
Desde outubro de 2023, o procesado está en prisión á que foi trasladado tras ser detido pola Garda Civil no seu propio posto de traballo, no estaleiro de Navantia Ferrol, onde era operario dunha empresa auxiliar. Tras o arresto, confesou ser o responsable da violación e morte da veciña da comarca do Eume dez anos atrás.
Segundo o escrito de acusación, entre as 20:45 e as 21:00 horas do 1 de setembro de 2013, o home conducía o seu vehículo cando viu camiñando a vítima pola estrada provincial DP-1503, nas inmediacións do seu domicilio.
Agrediuna "abordándoa por detrás, agarrándoa fortemente cun brazo e golpeándoa na cara", segundo o escrito de acusación
Deseguido, o home desprazouse a un camiño de terra da zona, detivo o seu coche e dirixiuse á muller "abordándoa por detrás, agarrándoa fortemente cun brazo e golpeándoa na cara, na zona da mandíbula".
Segundo o Ministerio Fiscal, o procesado, a continuación, introduciuse no terreo situado á beira da estrada "no que había piñeiros e abundante vexetación de monte baixo", arrastrando a vítima marcha atrás mentres a sostiña fortemente de costas a el, "percorrendo aproximadamente 17 metros ata o interior da parcela, onde non podía ser visto desde a estrada".
Nese lugar violouna e inmediatamente despois, o procesado "sacou repentinamente unha navalla ou coitelo do peto do seu pantalón e apuñalouna, propinándolle dúas coiteladas no tronco e unha no pescozo" provocando a morte da muller de maneira inmediata. Despois fuxiu do lugar monte a través ata alcanzar o seu vehículo, no que abandonou a zona.
A Fiscalía pide unha pena de 12 anos de prisión polo delito de agresión sexual, ao que hai que sumar outros 20 por asasinato, reclamando tamén que sexan indemnizados os dous fillos da muller falecida con 200.000 euros, 100.000 para cada un deles.
O luns ás 10 horas comeza o xuízo coa constitución do xurado
O xuízo comezará o 16 de xuño ás 10:00 horas e este luns estará dedicado á constitución do xurado e á lectura de informes e cuestións previas, tamén está previsto para esa xornada o interrogatorio do acusado.
O 17 de xuño será o inicio das testificais, cos fillos da falecida, veciños que descubriron o cadáver e a persoa que circulaba por un camiño veciñal, o tesoureiro da Sociedade de Caza O Castro e dous veciños máis. Tamén o farán dous axentes da Garda Civil de Fene.
O día 18 testificarán seis axentes da Unidade Orgánica da Policía Xudicial da Garda Civil da Coruña, entre eles os que interviñeron nas primeiras dilixencias. Haberá tamén unha testifical-pericial de tres axentes da Garda Civil de Ferrol que fixeron a inspección e o levantamento do cadáver e outros tres especialistas do laboratorio de criminalística.
O 19 será a pericial do médico forense autor do informe da autopsia, de especialistas do departamento de Bioloxía do Servizo de Criminalística da Garda Civil e da Sección de Análise do Comportamento Delituoso, así como a pericial sobre o estado mental e imputabilidade do acusado e o informe psicolóxico dun dos fillos da vítima.
Para o 20 fixáronse os informes finais e a posibilidade de que o procesado pronuncie a última palabra mentres que a entrega do veredicto será o 25 de xuño.