Publicador de contidos

Publicador de contidos

"Non hai forma de xustificalo. Non son eu", di o autor confeso do asasinato de Elisa Abruñedo

"Non hai forma de xustificalo. Non son eu", di o autor confeso do asasinato de Elisa Abruñedo

A Fiscalía conclúe que Elisa sufriu o indicible e non tivo posibilidade de defenderse

As acusacións manteñen as súas penas de 32 e 37 anos de cadea

G24.gal 20/06/2025 14:35

O autor confeso da agresión sexual e asasinato de Elisa Abruñedo aproveitou a última xornada do xuízo para facer uso da súa quenda da última palabra.

"Non hai forma de xustificar isto. Nese momento puntual da miña vida non sei que pasou. Non son eu. Non teño forma de arranxalo, tampouco. Nin de reparar o dano. Síntoo. O que poida dicir non serve de nada", dixo Roger Serafín Rodríguez, o autor confeso da agresión sexual e morte de Elisa Abruñedo.

A Fiscalía segue mantendo para el unha pena de 32 anos de cadea e solicita unha agravante por arrastrar ao monte unha muller miúda de 46 anos tras abordala polas costas.

"Elisa sufriu o indicible, a consecuencia da violencia brutal, pero necesaria para noqueala e suxeitala, para agredila sexualmente e asestarlle tres coiteladas certeiras que remataron coa súa vida. Elisa non puido defenderse porque estaba atordada e desvalida", manifestou a fiscala.

Asegurou tamén que non hai ningunha afectación psíquica que explique a conduta do acusado. Simplemente, manifestou, a maldade existe. E nesta liña seguiu a acusación particular. Afirmou que Elisa tivo a desgraza de atoparse co mal en estado puro.

"Á vista das probas practicadas vaise incluír a agravante de superioridade. Aleivosía, asañamento, abuso de superioridade, aproveitamento do lugar e tempo e tamén a agravante de xénero pola agresión sexual", explica Beatriz Rubín, avogada da acusación particular.

"Empregou unha violencia excesiva con ela e un sufrimento innecesario, voluntario, intencionado co obxectivo de lle provocar o maior dano posible", asegurou Rafael Díaz, avogado da acusación particular.

Solicitan para el 37 anos de prisión. A defensa rexeita todas estas agravantes e recoñece a agresión sexual e un delito de homicidio.

O próximo mércores faráselle entrega do obxecto do veredicto aos membros do xurado popular e será cando comecen a deliberar.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade