A agresión mortal a Elisa Abruñedo foi de total desprezo cara á vítima, segundo o forense
A Policía Xudicial asegurou que o acusado tiña intención de matar e que exerceu unha violencia planificada
Está previsto que o xuízo remate este venres cos informes finais das partes e a posibilidade de que o asasino confeso dea a última palabra na sala
"Con total desprezo cara á vítima". Así cualificou o médico forense que realizou o informe de autopsia de Elisa Abruñedo a agresión que acabou coa súa vida.
"Do exame externo o que me chamou a atención foi a cantidade de lesións que tiña no corpo de arrastre, choque, rozaduras... Tamén a cara da vítima e a actitude que adoptaba no lugar dos feitos. E para min, a situación de impotencia e desesperación... A actitude na que a deixa no lugar dos feitos é unha situación impresionante, dun total desprezo cara á vítima", explica o médico forense que realizou a autopsia.
Nunha nova xornada do xuízo que se celebra na Audiencia Provincial da Coruña contra o suposto autor da violación e a morte desta veciña de Cabanas, explicou tamén que despois de agredila sexualmente foi cando lle asestou as tres coiteladas en zonas vitais.
"A vítima debía estar bastante vencida porque o máis normal é que ao ver o coitelo, se defendese... E no seu corpo non hai sinais de defensa", engade o forense.
Declararon tamén expertos da Sección de Análise do Comportamento Delituoso.
"Destacaron que o asasino confeso é unha persoa impulsiva e parece que non dá moita relevancia ao que poida pasar despois. Simplemente, vai á procura do resultado", explica Beatriz Rubín, avogada da acusación particular.
Está previsto que o xuízo remate este venres cos informes finais das partes e a posibilidade de que o asasino confeso dea a última palabra na sala.