A Garda Civil conclúe que Elisa Abruñedo sufriu "violencia extrema"
Os investigadores din que as feridas que presentaba o cadáver eran para causarlle a morte
Unha abordaxe sorpresiva e circunstancial, cunha violencia bastante extrema e sen posibilidade de defensa. Esta é a conclusión á que chegaron os investigadores.
"Todo como moi ás presas. A conclusión á que chegamos é que pode ser unha persoa que circunstancialmente pode ser un depredador sexual que pasa pola zona e desgraciadamente tocoulle a esta muller. A vítima non se deu conta nin viu o autor dos feitos cando é agredida", explicou o comandante responsable de homicidios da UCO.
Concluíu tamén que as feridas que presentaba o cadáver de Elisa Abruñedo eran para causarlle a morte.
Os axentes tamén explicaron que, tras unha ardua investigación, pouco a pouco foron estreitando o cerco ata dar con Roger Serafín Rodríguez. E o 4 de outubro de 2023 obtiveron unha mostra do seu ADN. O día 10 chegoulles un adianto dese informe que dicía que era coincidente co perfil do autor e o 17 de outubro prendérono no seu posto de traballo.
"Son dez anos despois. Resistencia non houbo, pero si sorpresa. De feito botouse para atrás. Non contaba con iso", engade o comandante da UCO.
O xuízo, que se celebra con xurado popular, continúa este xoves.