Os atrancos nos aeroportos europeos afectados polo ciberataque continúan o luns
A operadora afectada solicita ás compañías aéreas suprimir a metade dos voos para ese día
O domingo houbo cancelacións e atrasos nas terminais de Bruxelas, Heathrow e Berlín-Brandeburgo
Ningún grupo proclamou a autoría do ataque contra a empresa Collin Aerospace
Os aeroportos europeos afectados por un ciberataque contra Collins Aerospace, provedor de servizos para os sistemas de facturación e embarque, advertiron este domingo nas redes sociais que continúan a ter problemas loxísticos.
Na terminal de Bruxelas están a facer a man as operacións de check in. A situación obrigou a cancelar pola mañá 44 voos de saída e 28 de chegada, amais de provocar importantes atrasos.
Tamén ten problemas para recuperar a operatividade o aeroporto de Berlín-Brandeburgo e, en menor medida, o de Heathow en Londres, onde incrementaron notablemente o número de persoas que atenden os viaxeiros.
Polo que respecta aos aeroportos españois, todos funcionan sen problemas segundo AENA, aínda que houbo algunhas cancelacións e atrasos en voos de conexión entre Bruxelas, Madrid e Barcelona.
Polo momento, ningún grupo se declarou autor deste ciberataque.
O operador aeroportuario anunciou que as alteracións se prolongarán polo menos ata o luns e solicitou ás compañías aéreas anular a metade dos voos con saída prevista para ese día.
O ciberataque produciuse o venres e afectou ao provedor de servizos externos especializado no procesamento de datos no sector da aeronáutica Collins Aerospace, filial do grupo estadounidense de defensa RTX, antes coñecido como Raytheon.
A comisaria europea de Emerxencias e Preparación de Crise, Hadja Lahbib, chamou este sábado á Unión Europea a investir en preparación ante as "reais e complexas" ameazas actuais, tras o ciberataque que desatou o caos en aeroportos en Bélxica, Reino Unido e Alemaña.
"O ciberataque, que paralizou os aeroportos de toda Europa, demostra o reais e complexas que son as ameazas actuais. A nosa estratexia da Unión de Preparación reforza a coordinación e apoia aos Estados membros. Debemos investir en preparación para garantir que estamos preparados para calquera eventualidade", dixo a través dunha mensaxe en redes sociais.