Publicador de contidos

Publicador de contidos

Audi alerta dunha estafa en páxinas web que imitan a marca para vender coches inexistentes

Audi alerta dunha estafa en páxinas web que imitan a marca para vender coches inexistentes

O primeiro caso foi denunciado en Ourense, onde un cliente perdeu dez mil euros

Son páxinas web que imitan as oficiais con duplicados das fotos dos coches
G24.gal 12/05/2025 16:56

A suplantación de identidade chega tamén ao sector do automóbil. A empresa Audi acaba de lanzar unha advertencia de fraude en páxinas web que imitan a marca, pero venden coches inexistentes.

En Ourense xa denunciaron o primeiro caso. O afectado adiantou dez mil euros que non se sabe onde foron parar.

Son páxinas web que imitan as oficiais, con duplicados das fotos dos coches, dos concesionarios e ata do persoal da empresa, pero son falsas e os cartos alí depositados desaparecen. Pasoulle a un cliente de Ourense que adiantou dez mil euros como sinal.

"Fixo a transferencia hai aproximadamente mes e medio, e o vehículo non aparece. De feito, intenta contactar co número de teléfono e co correo que lle facilitaron, con aparencia de Audi, e non lle contestan", explicou Jorge Álvarez, avogado de Lex Auria.

Audi acaba de alertar da fraude para que as potenciais vítimas adopten medidas de verificación.

"Aínda que as páxinas están moi elaboradas, hai mecanismos de verificación: teléfonos oficiais das marcas, provedores oficiais e mesmo ir a un concesionario oficial se vemos algo que non nos cadra", dixo Jorge Álvarez.

Desde a organización de consumidores apelan tamén á precaución. Recomendan acudir aos rexistros oficiais antes de confirmar a compra.

"Que se busque non só a titularidade, senón tamén o histórico administrativo e mesmo o historial de accidentes, porque hai numerosos rexistros para acceder a esta información antes de facer algún desembolso", afirmou José Carlos Cutiño, voceiro da OCU.

No caso de Ourense, o afectado presentou unha querela para tratar de chegar a quen está detrás da fraude.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade