Publicador de contidos

Publicador de contidos

Aumenta a demanda de vehículos militares e de rescate todoterreo

Aumenta a demanda de vehículos militares e de rescate todoterreo

A empresa galega Urovesa vai duplicar a súa capacidade produtiva e ampliar instalacións

Atende peticións de 30 países que reforzan a súa capacidade armamentista ante o actual escenario xeopolítico

G24.gal 24/05/2025 14:07 Última actualización 24/05/2025 14:27

O aumento da demanda de vehículos militares, tanto a nivel estatal como internacional, leva á empresa galega Urovesa a duplicar a súa capacidade tecnolóxica e industrial para os próximos anos.

Traballan na mellora do seu vehículo insignia, o Vamtac, que ten cada vez máis capacidade de carga e blindaxe. Están presentes en 30 países dos cinco continentes. 

Co obxectivo de poder fabricar 5.000 vehículos militares ao ano, e atender a demanda española e tamén internacional de países como Omán, Nova Zelanda ou Malasia, Urovesa aposta por aumentar a súa produción.

"Temos un proxecto para facer medrar as nosas instalacións e ir crecendo nos próximos anos porque prevemos que a demanda aumente. Non só polo escenario actual xeopolítico, senón tamén porque se asinarán contratos que non se pecharan ata agora. Penso que en Europa démonos conta de que non podemos seguir dependendo de ter as capacidades de defensa depositadas noutros países e temos que ter a nosa autonomía", asegura Justo Sierra Rey, SEO de Urovesa.

Sobe tamén a demanda de vehículos civís que aproveitan a tecnoloxía e as prestacións dos militares para chegar a lugares pouco accesibles. 

"Temos unha capacidade de crecemento moi grande en sectores como emerxencias, rescate, contra incendios", describe Sierra. 

Con esta previsión a empresa prevé crear 150 postos de traballos directos e aumentar notablemente os indirectos, moitos deles en Galicia, mantendo a estratexia de negocio que ten ata agora. 

"Nós non competimos en grandes series, competimos en series curtas, moi especializadas, feitas a medida, deseñadas conxuntamente co cliente e coas empresas que van incorporar os vehículos despois porque á fin e ao cabo o noso vehículo non deixa de ser unha plataforma para levar sistemas de comunicación ou unha ambulancia, etc... E temos un ecosistema de provedores en Galicia que ten moita experiencia. Se o vehículo é blindado a carrocería faise na contorna de Vigo, se non o é en Lugo. O chasis fano empresas da contorna que nos subministran", di o CEO de Urovesa.

Ampliarán as instalacións con cinco edificios nunha zona próxima á planta que xa teñen en Valga.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade