Publicador de contidos

Publicador de contidos

Conxemar pídelle a Kadis reforzar subministración de materias primas e apoio financeiro ao sector

Conxemar pídelle a Kadis reforzar subministración de materias primas e apoio financeiro ao sector

Reclámalle á Comisión Europea medidas para garantir a dispoñibilidade de produtos pesqueiros e asegurar condicións de mercado equilibradas para a transformación e comercialización en Europa

Conxemar, con sede en Vigo, representa 230 empresas cunha facturación conxunta superior a 11.900 millóns de euros

O comisario de Pesca, Costas Kadis, (e) a secretaria xeral de Pesca do Ministerio de Agricultura e Pesca, Isabel Artime, visitaron este venres a lonxa de Vigo. EFE / Salvador Sas O comisario de Pesca, Costas Kadis, (e) a secretaria xeral de Pesca do Ministerio de Agricultura e Pesca, Isabel Artime, visitaron este venres a lonxa de Vigo. EFE / Salvador Sas
G24.gal 11/07/2025 16:53

O presidente da asociación de produtos pesqueiros Conxemar, Eloy García, expresou este venres ao comisario europeo de Pesca e Océanos, Costas Kadis, en visita a Vigo, a inquietude do sector ante os retos da industria sobre abastecemento de materias primas, competitividade e viabilidade a longo prazo.

Na reunión, celebrada na Subdelegación do Goberno en Vigo, participaron tamén a secretaria xeral de Pesca do Goberno central, Isabel Artime, e a conselleira do Mar da Xunta, Marta Villaverde.

García entregou ao comisario un dossier cos temas que preocupan as empresa asociadas a Conxemar, unha asociación de almacenistas do comercio de produtos do mar.

O documento pide á Comisión Europea medidas para garantir a dispoñibilidade de produtos pesqueiros e asegurar condicións de mercado equilibradas para a transformación e comercialización en Europa, indica Conxemar nun comunicado.

Ademais, García solicitou unha estratexia europea para os produtos do mar importados, con implicación de varias direccións xerais da Comisión Europea, e requiriu protexer e potenciar mecanismos para a seguridade alimentaria, como continxentes arancelarios autónomos ou acordos de libre comercio.

Así mesmo, reclamou que os debates sobre sustentabilidade ambiental non se utilicen como barreira indirecta ao acceso de materias primas procedentes de países terceiros, sempre que cumpran coa normativa comunitaria, e solicitou unha revisión da metodoloxía do comité científico, técnico e económico de pesca para facela máis rigorosa, representativa do sector e transparente no seu procedemento.

Tamén pediu á Comisión Europea recoñecer o valor estratéxico das empresas mixtas pesqueiras europeas en terceiros países, como vía de aprovisionamento para a industria europea.

En materia de transparencia e rastrexabilidade, García solicitou unha revisión do regulamento da Organización Común de Mercados (OCM) que garanta que todos os produtos acuáticos, sen importar a súa orixe ou presentación, estean suxeitos ás mesmas normas de información ao consumidor.

Tamén avogou por implantar unha rastrexabilidade dixital nas mesmas condicións para todos os produtos do mar, sen excepcións, como medida esencial para a competitividade, a seguridade alimentaria e a confianza dos consumidores europeos.

Preocupación polos produtos de orixe vexetal que imitan os pesqueiros

De igual modo, trasladou a súa preocupación pola proliferación de produtos de orixe vexetal que imitan os pesqueiros utilizando denominacións propias de especies reais.

Por iso, pediu que Bruxelas regule a etiquetaxe de tales artigos para evitar confusións e garantir unha información veraz ao consumidor.

En paralelo, solicitou ás institucións europeas impulsar o consumo dunha maior diversidade de especies de produtos acuáticos, reducindo a crecente dependencia do salmón no mercado comunitario, e apoiar a firma de acordos comerciais como o UE-Mercosur para ampliar as oportunidades de acceso a materias primas sostibles.

Apoio financieiro

Por último, defendeu a necesidade de preservar e reforzar o apoio financeiro ao sector a través do Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura, reclamando que manteña o seu carácter específico no próximo marco financeiro plurianual 2028-2034 e non se dilúa en fondos multisectoriais.

García agradeceu a visita do comisario europeo a Vigo, onde se atopa desde o xoves, e valorou moi positivamente a súa disposición ao diálogo e o seu coñecemento da realidade da industria pesqueira transformadora europea.

Conxemar, con sede en Vigo, representa 230 empresas cunha facturación conxunta superior a 11.900 millóns de euros, un 65,5 % dos ingresos do sector do conxelado.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade