Publicador de contidos

Publicador de contidos

A campaña do polbo arrincou dobrando capturas pero agora recóllese pouco

A campaña do polbo arrincou dobrando capturas pero agora recóllese pouco

No sector achácano ao ciclo natural do cefalópodo e ao cambio climático

Contan con volver coller polbo en cantidade e grande a partir de finais de setembro

Confían en rematar a campaña no seu conxunto con boas cifras 

G24.gal 23/08/2025 21:17

Este ano déuselle máis tempo ca nunca ao polbo para reproducirse e criar. A frota que anda a esta especie parou tres meses. Nas primeiras semanas da campaña, que comezou o un de xullo, notárono. As capturas duplicáronse e recolléronse polbos máis grandes.

"Pasábanse do normal doutras campañas porque claro, canto máis tempo, crecen moito máis", precisa o presidente da Federación Galega de Confrarías de Pescadores, José Antonio Pérez Sieira.

En Ribeira, por exemplo, capturaron ata o momento 108 toneladas, cando o ano pasado polas mesmas datas colleran só 48. Actualmente, porén, a situación cambiou.

"Agora hai barcos que deixaron as nasas para cambiar de oficio porque non están pescando nada. Empezamos cunhas vendas de  6.000 ou 7.000 quilos diarios e agora estamos en 1.600 quilos ou 2.000 quilos", conta José Antonio Pérez Sieira.

O presidente da Federación Galega de Confrarías de Pescadores explica que isto se debe por unha parte ao ciclo natural do cefalópodo.

"Nestes momentos está desovando. Nestas datas o polbo non come, non se move, está coidando da prole e non sae a comer", explica.

Pero o sector observa tamén a incidencia do cambio climático. 

"Non só no polbo senón en todas as especies. Notámolo no marisco cando hai cambios bruscos de temperatura. Hai rías que tiveron a auga a 25 ou 28 graos de temperatura", expón José Antonio Pérez Sieira.

O presidente da Federación Galega de Confrarías explica que o polbo quere augas máis frescas e que agora se está atopando moito en Francia e Inglaterra.
 
Aquí minguaron as capturas pero do que non teñen queixa é do prezo en lonxa.
 

"O prezo máis alto é de 14,50 euros o quilo e chegou algún día a 15 e a 16", di o presidente das confrarías.

O sector confía en volver coller polbo en cantidade e grande a partir de finais de setembro ou primeiros de outubro e rematar a campaña ben no seu conxunto.
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade