Atopan sen vida dous dos catro desaparecidos entre os cascallos do edificio que se derrubou en Madrid
Atopan sen vida dous dos catro desaparecidos entre os cascallos do edificio que se derrubou en Madrid
O inmoble, en obras para converterse nun hotel, sufriu o colapso do forxado da sexta planta

Xa son dúas as vítimas mortais atopadas entre os cascallos do edificio en construción que se derrubou este martes na rúa de Las Hileras, en Madrid.
Así o confirmou a última hora o alcalde da cidade, José Luis Martínez Almeida.
Os bombeiros seguen traballando no desentullo para poder acceder aos corpos.
O dispositivo está integrado por bombeiros e policías municipais —encargados do voo de drons—, coa colaboración da empresa que realizaba a rehabilitación mediante o uso dun guindastre para acelerar o proceso de retirada de entullos, aínda que, segundo destacou Almeida, “é unha tarefa durísima”.
Os bombeiros están a traballar en boa medida de forma manual, “carrexando eles mesmos os entullos para tratar de chegar o antes posible aos corpos”.
Nesta “tarefa complexa e difícil” participan tamén cans da Policía Nacional adestrados para detectar persoas atrapadas baixo os restos do edificio.
Neste momento non hai indicios sobre as causas do suceso, que investiga a Policía Xudicial.
O alcalde detallou que “se produciu o derrubamento do forxado da sexta planta, o que provocou un efecto dominó que afectou todas as plantas ata o baixo".
O accidente produciuse arredor das 13.00 horas, cando se informou do derrubamento do forxado dun edificio de seis plantas, construído en 1965, situado na zona de Ópera e en proceso de rehabilitación para convertelo nun hotel de catro estrelas.
Segundo fontes oficiais, tres operarios resultaron feridos —dous con contusións leves e un terceiro trasladado ao hospital cunha fractura nunha perna— e outras catro persoas (tres homes e unha muller) permanecían desaparecidas.
Ata o lugar desprazáronse 18 dotacións de Bombeiros do Concello de Madrid, 13 unidades de Samur-PC e Policía Municipal, e instalouse o posto de mando na praza Herradores, esquina con Felipe Neri.
Ademais, un equipo psicosocial atendeu os familiares das persoas desaparecidas.
Nun primeiro momento, os efectivos centraron os seus esforzos en asegurar a estrutura colapsada e garantir a seguridade dos equipos de rescate, que iniciaron a procura arredor das 19.00 horas co apoio dos cans da Sección Canina da Policía Municipal e da Asociación Unidade Canina de Rescate de España (UCR).
Os veciños dos edificios lindeiros, que foran desaloxados por precaución, poden agora acceder ás súas vivendas acompañados pola Policía Municipal.