Catro persoas están desaparecidas tras derrubarse en Madrid un edificio en construción
O suceso deixa ademais cando menos tres feridos, un deles grave

Un edificio en construción derrubouse este martes en Madrid, sen que polo momento se confirme se hai vítimas. Porén, fontes oficiais xa confirmaron que hai cando menos catro persoas desaparecidas e tres feridos, un deles de carácter grave.
Os operarios que se atopaban traballando no inmoble botaron en falta a algúns compañeiros, o que motivou a activación dos servizos de procura para comprobar se estaban dentro ou fóra do inmoble. En total había sete operarios traballando no edificio, pero catro aínda non foron localizados.
Bombeiros do Concello de Madrid, guías caninos da Policía Nacional e Municipal e drons traballan para atopalos, mentres que o Samur-Protección Civil atenderon tres obreiros, un grave e dous de carácter leve.
Un deles foi trasladado a un hospital cunha fractura na perna, mentres que os outros dous resultaron contusionados leves.
A Policía Municipal investiga o sinistro, ocorrido pasado o mediodía, como accidente laboral e fíxose cargo das pescudas.
Varias dotaciones de @BomberosMad trabajando en C/Hileras tras derrumbe de varios forjados en un edificio en obras.
— Emergencias Madrid (@EmergenciasMad) October 7, 2025
Desplegado un dispositivo de @SAMUR_PC en la zona.@policiademadrid trabajan con los drones@policia colaborando pic.twitter.com/slTP129zT5
O derrube na rúa das Hileras, a poucos metros da praza de Ópera, produciuse pasadas as 13:00 horas e sementou o caos no centro da capital española que, en cuestión de minutos, converteuse nunha escena de sirenas, po e rúas acordoadas, mentres os equipos de emerxencia trataban de asegurar a zona.
Un edificio contiguo tivo que ser desaloxado.
Traballadores de tendas próximas á zona declararon a EFE que escoitaron un "estrondo" e que empezou a saír "moito po" cun "cheiro raro".