Unha vertedura de gasóleo provoca varios accidentes en Vigo
A perda de combustible dun camión puxo en risco a circulación en varias vías na contorna do campus universitario
A estrada de Clara Campoamor e a súa conexión co campus universitario de Vigo converteuse nunha especie de pista de xeo para os condutores que o mércores á tarde circularon por ela.
Algúns deles decatáronse da presenza de combustible na vía. A chuvia era moi intensa pero estaba máis esvaradía do habitual nestas circunstancias.
A situación provocou dous accidentes por saída da vía nesta rotonda que dá acceso a varias facultades do campus vigués. Afortunadamente nos dous casos non houbo que lamentar danos persoais graves.
Os axentes desprazados á zona constataron a presenza de gasóleo no lugar do sinistro e comprobaron que o regueiro de combustible se estendera por outras vías ao longo de algo máis de cinco quilómetros.
A Policía Local tivo que controlar a circulación na zona para evitar máis accidentes e mesmo foi necesario cortar a tráfico nalgúns puntos. Dous camións de bombeiros desprazáronse ao lugar e procederon á limpeza da vía.
Hai aberta unha investigación para identificar a procedencia da vertedura pero todo apunta á perda accidental de combustible dun camión de autoescola.
Nas últimas horas o seu condutor presentouse en dependencias policiais ao detectar unha fuga de gasóleo no vehículo e a coincidencia da aparición da vertedura co traxecto que realizara.