Ata medio ano de espera por un carpinteiro
Armarios ou mobles de cociña á medida, entre as principais encargas que reciben
Con máis de vinte anos de experiencia ás súas costas, Cristian é un dos poucos carpinteiros que traballan na contorna de Lugo. O motivo é a falta de remuda xeracional, como ocorre actualmente con outros oficios. Por esta razón, o tempo de agarda por parte da clientela pode chegar ata os seis meses.
"Andamos a tope porque non somos moitos e tampouco hai reposición para os que se xubilan. Atrévome a dicir que debemos de ser cinco ou seis os carpinteiros en Lugo que sexamos máis ou menos novos", explica Cristian Álvarez Piñeiro, xerente de Mobial Carpintería.
Os armarios e o mobiliario de cociña figuran entre as principais encargas dos carpinteiros. É dicir, os mobles feitos á medida con ferramentas como a fresa, o trade, a trencha ou a máquina de cortar ao bispel. Tocante aos materiais, tanto traballan a madeira coma os aglomerados de alta densidade.
"A diferenza máis notable coas grandes superficies quizais sexa a calidade dos materiais. Os taboleiros adoitan ser máis densos, máis duros. E os acabados, diferentes. Son mellores", sinala Cristian.
Non en van, o de carpinteiro é un oficio para o que fai falta, máis ca ningún outro, ter madeira.