Unha empresa ourensá fabricará módulos para acoller os menores en Ceuta
Os primeiros 15 módulos de aloxamentos de urxencia de Ourense a Ceuta terán que estar rematados e entregados nuns 20 días
Cada módulo permitirá acoller a 18 menores, en total nesta primeira entrega permitirán o acollemento de 270 nenos e nenas
A empresa ourensá Kubox Modular vai comezar este luns mesmo a fabricar módulos habitacionais para acoller menores migrantes en Ceuta. E terán que facelo nun tempo de marca, nuns 20 días estará lista a primeira entrega que permitirá aloxar 270 nenos e nenas.
Esta encarga de emerxencia da Cidade Autónoma de Ceuta supón un importante reto de produción para a empresa, e que busca garantir unhas condicións dignas e seguras para o acollemento dos menores.
Máis de corenta traballadores e unha carreira contra o reloxo. É o reto ao que se enfrontan nesta fábrica de San Cibrao das Viñas, teñen uns vinte días para fabricar e levar de Ourense a Ceuta os primeiros quince módulos destinados a dar unha solución habitacional para os menores non acompañados que chegaron á cidade autónoma española. Un prazo que obriga a acelerar todo o proceso de produción.
Cada módulo, creado a partir de contedores de mercadororías, terá capacidade para 18 menores e sairá de Ourense totalmente rematado e listo para vivir nel: con literas e colchóns, ventás, luz, climatización e illamento térmico. Os primeiros quince permitirán crear 270 prazas para o acollemento temporal dos nenos e as nenas.
A empresa ourensá insiste na diferenza e a calidade: porque din "non se trata de carpas nin de simples contedores, senón de espazos acondicionados para ofrecer unha solución habitacional digna ante a situación de emerxencia".
Precisamente pola situación de emerxencia que se está a vivir foi a cidade Autóma de Ceuta a que adxudicou este proxecto a Kubox Modular.
E en menos dun mes, cando estean rematados en Ourense, os módulos percorrerán por estrada máis de mil quilómetros ata Alxeciras e desde alí cruzarán en ferry ata Ceuta. Tras esta primeira fase, continuarán as entregas, de dez en dez, ata chegar ás 80 unidades habitacionais.