Aspace alerta dun calote no seu nome en domicilios da Coruña
Denuncian que un home duns 60 anos e cun problema nun ollo finxe ser da entidade para estafar
Parece que leva tempo actuando en diversos barrios da Coruña
Alertan dun calote en nome de Aspace na Coruña. Parece que un home, duns 60 anos e cun problema nun ollo, está a pedir diñeiro en domicilios da cidade herculina finxindo representar esta asociación.
Foi na tarde de onte cando a asociación recibiu a chamada dunha muller residente na Coruña.
"Díxonos que unha persoa duns 60 anos ía a domicilios pedindo diñeiro en nome de Aspace. Describiuno como un home maior e cun problema nun ollo, e díxonos que ata se pon algo agresivo se a resposta é un non", explica Ricardo Iglesias, xerente da entidade.
Nun primeiro momento, os responsables de Aspace non podían crer que alguén puidese empregalos para estafar. "É non ter escrúpulos usar unha entidade de persoas con discapacidade ou de calquera outro colectivo que o está pasando mal para lucrarse", di indignado Ricardo Iglesias, e lembra que na asociación "atendemos persoas con parálise cerebral e temos campañas de captación de socios, pero non temos a ninguén que vaia polos domicilios".
O presunto estafador asegura ser da asociación e di que o diñeiro, pide 20 euros como mínimo, irá destinado ás persoas con parálise cerebral. Desde a entidade alertaron do calote e descubriron que leva un tempo xa actuando por diferentes barrios da Coruña.
Aspace puxo en coñecemento dos seus avogados a estafa para poder denunciar ante autoridades e evitar así que a xente poida caer no calote. Amais, a entidade pide a quen queira colaborar con eles que o fagan só a través do seu teléfono ou desde a páxina web oficial.