Detido un home en Oleiros por un delito de estafa co calote da estampiña
A investigación iniciouse en xullo deste ano e aínda continúa aberta
Os axentes constataron que este grupo estaba presuntamente relacionado con outros 9 delitos perpetrados ao longo de toda Galicia
A cantidade total estafada, entre diñeiro en efectivo e xoias, ascende a máis de 100.000 euros

A Garda Civil do posto principal de Oleiros detivo un home como presunto autor dun delito de estafa e outro de pertenza a grupo criminal especializado en estafas mediante o método coñecido como o calote da estampiña ou "tocomocho", informa o instituto armado.
Este método consiste en facer crer á vítima, normalmente persoas de idade avanzada, que teñen un boleto de lotería premiado ou unha gran cantidade de diñeiro no seu poder, dándolle a oportunidade á persoa estafada de apropiarse dos mesmos por un importe notablemente inferior.
A mencionada investigación iniciouse en xullo deste ano, tras teren coñecemento os axentes desta unidade de que se estaban realizando este tipo de estafas na localidade de Oleiros. No transcurso da investigación, a Garda Civil constatou que o suposto grupo criminal estaba presuntamente relacionado con outros nove delitos da mesma índole, perpetrados ao longo de toda Galicia, por un importe total, entre diñeiro en efectivo e xoias, de máis de 100.000 euros.
Tras a análise exhaustiva da información solicitada, a Garda Civil logrou a identificación dos presuntos integrantes do grupo criminal e procedeu á detención dun deles como presunto autor dun delito de estafa e outro de pertenza a grupo criminal. A operación continúa aberta co fin de localizar e deter o resto dos presuntos integrantes.