Máis de 1.000 aspirantes a Policía Local comezan os exames este sábado en Silleda
A convocatoria oferta máis de 100 prazas para os corpos de Policía Local de 36 concellos galegos
Os que superen estes primeiros exercicios continuarán no proceso coas probas de aptitude física e co recoñecemento médico
Ás dez da mañá arancaron no recinto feiral de Silleda os primeiros exercicios para os máis de 1.000 persoas aspirantes a Policía Local. En concreto, será un test de coñecemento de 100 preguntas e unha proba de coñecemento de galego, salvo para aquelas persoas que estean exentas por contar cun certificado Celga 4 ou equivalente.
Tal e como detallou a Xunta nunha nota de prensa, aquelas persoas que superen estes primeiros exercicios continuarán no proceso coas probas de aptitude física de velocidade e potencia de tren superior e inferior, resistencia xeral e natación, as psicotécnicas de intelixencia e personalidade e co recoñecemento médico.
Unha vez terminado o proceso dará comezo o curso selectivo e os aspirantes admitidos pasarán a formar parte da 18ª promoción de Policía Local. Neste sentido, os novos alumnos iniciarán a formación en xaneiro e remudarán a 17ª promoción, que se gradúa este setembro.
Con todo, a convocatoria oferta máis de 100 prazas para os corpos de Policía Local de 36 concellos galegos: A Coruña, Ames, Arteixo, Betanzos, Camariñas, Coristanco, Culleredo, Fene, Ferrol, Melide, Noia, Santiago de Compostela e Teo, na provincia da Coruña; A Estrada, A Illa de Arousa, Baiona, Bueu, Caldas de Reis, Cambados, Cangas, Meaño, Nigrán, O Grove, O Rosal, Poio, Ponteareas, Silleda, Vigo e Vilagarcía de Arousa, na provincia de Pontevedra; os concellos lucenses de Burela, Foz, Lugo e Viveiro e os ourensáns Barbadás e Ourense.