Unha rocha dun cometa crea unha bóla de fogo visible en toda a Península
O bólido, tan luminoso como a lúa chea, sobrevoou Albacete a 98.000 km/h
O fenómeno foi rexistrado por detectores da rede científica SWEMN

Unha rocha procedente dun cometa impactou na atmosfera terrestre a unha velocidade de 98.000 quilómetros por hora e creou unha gran bola de fogo, tan brillante como a lúa chea, que sobrevoou a provincia de Albacete e puido observarse desde toda a Península pola súa intensidade luminosa.
O fenómeno produciuse ás 2.39 horas deste venres e foi captado polos detectores do complexo astronómico de La Hita, en Toledo, que forman parte da Rede de Bólidos e Meteoros do Suroeste de Europa (SWEMN).
Segundo explicou o complexo nun comunicado, a análise das imaxes confirmou que a orixe foi un meteoroide, unha roca cometaria que ao entrar na atmosfera terrestre a enorme velocidade se volveu incandescente e xerou a espectacular bóla de fogo. O bólido iniciou a súa traxectoria a uns 102 quilómetros de altitude sobre Motilleja (Albacete) e avanzou cara ao nordeste ata extinguirse a uns 71 quilómetros sobre Navas de Jorquera.
A súa luminosidade extraordinaria permitiu que fose visto desde máis de 700 quilómetros de distancia, polo que se observou en toda a península ibérica. No tramo final, a roca rompeu bruscamente, provocando un aumento repentino do brillo antes de desintegrarse totalmente na atmosfera tras percorrer 34 quilómetros, sen que ningún fragmento chegase ao chan.
Os detectores de La Hita traballan no marco do proxecto Smart, do Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC), coordinado polo Instituto de Astrofísica de Andalucía, que monitoriza continuamente o ceo para estudar o impacto de rocas do Sistema Solar contra a atmosfera terrestre.
O fenómeno tamén foi rexistrado polos equipos do proxecto instalados nos observatorios de Calar Alto (Almería), Sierra Nevada (Granada), Sevilla, La Sagra (Granada), Huelva, Faro de Cullera (Valencia), Olocau (Valencia) e Otura (Granada).