Temporal de chuvia e vento en Cataluña e Andalucía
A chuvia mantivo este sábado o aviso amarelo en Cataluña ante o risco de anegamentos de varios ríos
Durante a tarde as fortes chuvias obrigaron a activar o laranxa en Málaga, que se amplía o domingo a varias comarcas de Granada e Almería
Ata a medianoite do sábado está activo o aviso por acumulación de chuvia en Cataluña onde se mantén a fase de alerta por inundacións, fundamentalmente nos ríos de Xirona. O Tordera e o Onyar baixaban xa ao límite esta mañá. Proteccion Civil rexistrou máis de 500 chamadas por incidencias causadas polas chuvias e o temporal no mar deixou ondas que chegaron aos catro metros nas praias de Xirona.
Os refachos de vento tamén están causando danos importantes. Unha muller está en estado crítico despois de que lle caese enriba un farol no centro de Sabadell que tamén lle causou feridas de carácter leve a outro viadante. Nos Pireneos o risco de aludes obrigou a pechar as estacións de esquí de Nuria e Vallter.
Aviso laranxa en distintas comarcas andaluzas para o domingo
No sur da Península a situación tamén foi empeorando ao longo do día. A Aemet elevou a aviso laranxa as comarcas malagueñas de Ronda, Sol e Guadalhorce ata a próxima madrugada. Tamén activou este aviso na Axarquía que durará ata as tres da tarde. Durante o domingo tamén estará activo na costa de Granada e comarcas de Almería.