Publicador de contidos

Publicador de contidos

Os percebeiros desafían a borrasca para coller exemplares que chegan aos 300 euros

Os percebeiros desafían a borrasca para coller exemplares que chegan aos 300 euros

En dúas horas e media poden sacar un máximo de sete quilos de percebe

Arriscan a vida nas rochas para compensar estes días os prezos do resto do ano

G24.gal 20/12/2025 15:56 Última actualización 20/12/2025 16:23

O aviso laranxa no mar non impediu esta mañá que os percebeiros se botasen ás rochas para gañar o xornal na semana en que mellor se paga o marisco. En Muxía hoxe todos chegaron aos topes, despois de varios días sen poder facelo por mor do temporal. 

Con ondas de máis de catro metros e mar de vento, a carón do santuario da Virxe da Barca os percebeiros comezaban a traballar ao abrir o día. Desde a baixamar, que hoxe era ás 10 e 25, só teñen unha hora máis para apañar os sete quilos, o tope, unha vez escollido. 

"A mañá foi algo complicada porque hai moito mar, pero o día zafouse igual. A calidade é boa, dá bo percebe, encarnado, bo", di Daniel Tedín, percebeiro

Esta semana é a de mellor pago do ano para os percebeiros. Por iso durante estes días aproveitan cada minuto porque os temporais non lles deixan moita tregua.

"Hai tempo que non recordo un Nadal así, porque veñe as borrascas unhas detrás das outras. A ver se podemos salvar a campaña." asegura Tedín

"De prezos esta semana houbo de todo, de cerca dos 300 o mellor, o pequeno que normalmente está a 20 valeu 60. É o que nos aguanta, se non non iriamos. Non iriamos con este mar ao percebe se non fose a este prezo", explica Santiago Pérez, percebeiro

Ver como traballan fai entender mellor os prezos que acada este marisco nesta época.

"Hai que ter o ollo no mar e o ollo nos percebes. Arriscamos bastante", di Brais Rodríguez, percebeiro

"A xente quéixase dos prezos pero hai que ir aí collelos!"

Todo o que apañan vai para a lonxa e na mesa do Nadal da maioría dos percebeiros o menú é tradicional e o percebe cómese outros días do ano. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade