Publicador de contidos

Publicador de contidos

8.000 papanoeis subidos en moto reparten ilusión e solidariedade polas rúas de Vigo

8.000 papanoeis subidos en moto reparten ilusión e solidariedade polas rúas de Vigo

A iniciativa colabora co Banco de Alimentos xa que cada participante entrega un quilo de produtos non perecedoiros

A ruta comezou e rematou no barrio de Navia, despois de percorrer durante dúas horas as rúas do centro da cidade

G24.gal 27/12/2025 21:15 Última actualización 27/12/2025 22:36

Vigo acolleu esta tarde unha cita clásica do Nadal, que deixa unha imaxe chamativa. Máis de oito mil papanoeis percorreron a cidade subidos nunha moto.

O evento ía celebrarse o sábado pasado pero que tivo que adiarse polo mal tempo. Hoxe sí acompañou o día e os participantes responderon cunha asistencia masiva.

Unha marea de traxes vermellos con fitas brancas encheu o centro de Vigo no medio do estrondo dos motores. A maioría ía sobre dúas rodas, aínda que tamén se permitía outro tipo de vehículos. O importante era sumarse a un evento ineludible no nadal olívico. 

"Aquí estamos, facendo a ruta de Papá Noel por Vigo, divertíndonos, unha marabilla".

"Para ser a primeira vez, moi ben, interesante a experiencia".

"Despois de moitos anos, estreei moto hai uns meses e faime moita ilusión".

"Veño dende a primeira edición e non ma perdo nunca".

"Levamos dende 2016 vindo aquí, e hai que ser solidario".

"Non é moto nin é coche, é unha mestura dos dous", comentan algúns dos participantes na iniciativa, que arrancou ás catro da tarde dende o barrio de Navia e rematou tamén alí arredor das seis e media da tarde.

Quince edicións conta xa a tradicional papanoelada. Este ano con máis asistencia incluso que o anterior, con máis de oito mil moteiros. 

"Calcula a policía local que este ano houbo entre oito e dez mil motos, o que significa uns vinte mil participantes, porque toda moto leva o seu paquete, como se di na xerga moteira", sinala Carlos Daniel Barboni, responsable da organización do evento.

"A xente cada vez conciénciase máis de que son dúas horas que interrumpimos o tráfico, pero entenden que o facemos para repartir alegría", di outro membro da organización.

Levar a ilusión do Nadal a toda a cidade non é o único propósito do evento, xa que ten tamén unha fin solidaria para o Banco de Alimentos.

"Todos os anos a xente trae quilos de alimentos e colabora. Este ano denominamos o evento Papanoelada Moteira Solidaria Vigo para atraer máis asistencia e así chegar aos cinco mil quilos, cinco toneladas de alimentos", apunta outra integrante da organización.

A noite en que traballou Papá Noel xa pasou, pero eran tantas as entregas de agasallos pendentes, que varios clubs de moteiros da contorna xuntáronse para axudárenlle no reparto.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade