Publicador de contidos

Publicador de contidos

11, 12 e 13 de agosto: noites de perseidas

11, 12 e 13 de agosto: noites de perseidas

Para velas hai que mirar cara ao nordeste e buscar áreas co ceo despexado e sen contaminación luminosa

G24.gal 11/08/2025 15:11

Estas noites do 11, 12 e 13 de agosto son as mellores para gozar dun dos maiores espectáculos que ofrece o ceo. As perseidas, tamén chamadas bágoas de San Lourenzo, foron un misterio para a humanidade ata non hai moito, e aínda hoxe teñen un aquel que fará que moitos pasen esta noite mirando arriba.

Que as estrelas fugaces teñen como orixe o po de cometas é algo que non se soubo sempre, descubriuse en 1861. Ata fai 164 anos, a humanidade non soubo que se choven estrelas é porque a Terra entra na zona de paso dun cometa.

"Un cometa vén sendo como unha especie de rocha grande e ao ir circulando polo noso sistema solar vai deixando como unha especie de lixo, unhas partículas. O que ocorre coa Terra é que as atropela. Como cando imos cun coche e batemos contra unha nube de mosquitos, a atmosfera da Terra, a 100.000 quilómetros por hora, bate con esas partículas que a esa velocidade vaporízanse", explica Jorge Mira, catedrático de Física da USC.

Baten a uns 80 km de altura, preto da ionosfera. No caso das perseidas son os restos do cometa Swift Tuttle que pasou á nosa beira en 1992 e non volverá ata o século 22. 

Pero antes diso, o ano que vén, as perseidas van cadrar co outro acontecemento memorable.

"Cómpre lembrar que dentro dun ano imos ter pasando por Galicia unha eclipse total de sol, que é un fenómeno extraordinario que só ocorre unha vez na vida dunha persoa no seu lugar de nacemento", declara Jorge Mira.

Apuntamos entón, o 12 de agosto do 2026, o único día da nosa vida en que haberá perseidas en Galicia ás oito da tarde, dunha tarde en que se fará noite.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade