O caso do 'Códice Calixtino' fora un dos roubos de obras de arte máis sonados a nivel internacional
A investigación policial logrou recuperalo en xullo de 2012, un ano despois do roubo, nun garaxe do Milladoiro
O ladrón confeso traballara durante dúas décadas como electricista da catedral
Tamén tivera repercusión internacional a desaparición de dúas obras de Rubens no Museo da Coruña en 1985
En Galicia, o roubo de obras de arte máis sonado foi o do Códice Calixtino. Os responsables do arquivo da Catedral de Santiago denunciaron a desaparición en xullo de 2011.
O misterio mantívose ata que, un ano despois, a investigación deu con esta xoia do século XII nun garaxe do Milladoiro. Atopárono seguindo as pegadas do principal sospeitoso, José Manuel Fernández Castiñeiras, un electricista que traballara na catedral durante vinte anos.
Pagou cunha condena de11 anos de cadea, a substracción do famoso libro e do millón e pico de euros que se calculou que retirara sistemáticamente dos petos de esmolas da catedral.
Sen chegar ao valor do Códice, nas igrexas galegas hai obras apreciadas polos que se dedican a traficar coa arte sacra. En setembro de 2022, na operación Cinquecento, a policía desartellou unha rede que operaba por toda a comunidade e nos rexistros efectuados recuperaron máis de 200 pezas.
Esta pequena tablilla chamada A Aurora e valorada en cen millóns de pesetas vive desde 1985 unha historia de policías e ladróns
Así se relataba nun Telexornal a comenzos da década dos anos noventa, a recuperación dun dos dous cadros de Rubens que desapareceran do Museo de Belas Artes da Coruña en 1985.
Coa axuda da interpol e do Museo de Estocolmo, a outra tablilla do afamado pintor flamento do século XVII recuperouse ao ano seguinte da desaparición en Nova York e esta sete anos máis tarde en Florida. Foi o caso máis sonado en canto a roubo de pinturas de alto valor na nosa comunidade.
