As estradas, unha pista de patinaxe nos primeiros días de choiva
Nas últimas horas rexistráronse numerosas saídas de vía, sobre todo, onte á tarde coas primeiras chuvieiras
Os sinistros de tráfico aumentan ata nun 70 % cando chove
Saída de vía hoxe á mañá na Pastoriza, outra ou outras na AP-9 e así suma e segue. Só onte á tarde, o 112 atendeu uns trinta accidentes de tráfico, a maioría esvaraduras relacionados coa choiva.
"Vimos do verán e polo tema de pneumáticos, sucidade na estrada, por onde hai tránsito de camións ou vehículos agrícolas, pode haber aceite ou gasóleo, e tamén a falta de costume de circular en mollado", advirte Antonio Baliñas, dono dun taller en Negreira.
Follas ou manchas de aceite que coas primeiras pingas, despois de tantas semanas co asfalto seco, converten a estrada nunha pista de patinaxe, tal e como confirman os condutores.
"Máis perigosa está porque ten aceites e ten algo de todo e nótase máis perigosa".
"Noto o agarre distinto no asfalto. Non sei se será porque acumula sucidade e cando chove arrastra todo. Eu persoalmente intento ir algo máis lento. Non correr".
Guindastres e talleres non paran.
"Vou cambiar as rodas, que empezou a chover e estaban gastadas e vounas cambiar", comenta un cliente do taller.
"Dende o venres, como a previsión para esta semana xa era de choiva, a xente xa se empezou a preocupar e a recibir chamadas no taller para os pneumáticos e hoxe, durante toda a mañá, xa levamos cambiado unha chea de pneumáticos", corrobora Alberto Freire, mecánico.
A proba das rodas, como principal elemento de agarre, é ben sinxela.
"A moeda de euro, co aro dourado que ten, xa vale para medir. Metemos a moeda no suco da roda. Se non se ve nada da parte dourada, o pneumático está en perfectas condicións pero cando se ve o círculo dourado, hai que cambialo ou polo menos revisalo", explica Freire.
Por diante queda moito outono e máis inverno e para se facer unha idea, un dato: en España, o número de sinistros aumenta nun 70 % en días de choiva.