As batas das avoas chegan á pasarela de París
O desfile de Miu Miu reinterpreta o icónico mandilón que é un clásico das leiras galegas
A bata galega, esa de toda a vida que moitos asocian coas avoas galegas, nunca pasará de moda. Agora non só as vemos na rúa, tamén están na pasarela de París. O desfile de Miu Miu recuperou esta icónica peza de roupa e deulle unha volta fashion. O desfile da casa italiana que fundou Miuccia Prada fixo unha revisión da peza de roupa máis común no rural galego.
"Tanto como para ir a unha pasarela, pois non me vexo. Chegas da rúa e pos o mandilón, e bumba, e xa te pos a cociñar, a fregar. Estás todo o día coa bata", comenta unha muller acostumada a vestir a emblemática peza. "Eu collo destes que lle chaman de traspaso, aínda que teñas un xersei por debaixo, podes poñelo en inverno ou en verán", comenta outra veciña que decotío as merca no mercado de Sabarís.
Son pezas multiúso, que mesmo callaron nas novas xeracións. Amais dos novos modelos da alta costura, as de toda a vida poden mercarse nas mercerías por uns quince euros. E notan que aumentou a demanda. Como conta Elena Vilaboa, da Mercería Lena en Vigo. "Púxose de moda despois dun anuncio da tele, empezou vir xente mais nova buscalas, pedilas. Tamén os talles comezaron a cambiar, antes vendías os grandes e agora, talles máis pequeniños".
Unha clienta comenta que "ía mercar unha para a nora, que di que agora quere ir coma as avoas e os maiores. Mercou unha curtiña e agora quérea mais longa".
E como toda moda, ten defensor e detractores: "Que leven o que queiran, para min, non! Eu mirei a miña nai, a miña avoa e a miña sogra e xa me chegou", di unha muller.
Sexa na pasarela ou na leira, temos mandilón para tempo.