Publicador de contidos

Publicador de contidos

Abre en Vilagarcía a tenda das oportunidades

Abre en Vilagarcía a tenda das oportunidades

Cáritas pon en marcha Arroupa, un novo comercio de roupa usada no concello arousán

G24.gal 20/10/2025 14:38 Última actualización 20/10/2025 15:18

Pode ser unha segunda oportunidade para uns vellos pantalóns pero é, sobre todo, a primeira real para Astrid. Esta moza do Salvador é unha das dúas traballadoras da nova tenda de roupa usada que Cáritas abriu en Vilagarcía, Arroupa. Astrid López, que ten tres fillos, xa pode levar unha vida normal.

"Tivera unha oportunidade noutro traballo pero era moi difícil chegar. Ía andando dúas horas e volvía andando dúas horas. Así que este traballo para min é a miña primeira oportunidade", conta cun sorriso na boca e emoción nos ollos.

A de Vilagarcía é a quinta tenda de Cáritas Diocesana de Santiago, que xa ten locais de Arroupa en Compostela, A Coruña, Carballo e Pontevedra. Hai dez anos que a entidade decidiu crear unha empresa para promover a inserción laboral de persoas en situación vulnerable.

Poden ser mulleres novas con fillos, vítimas de trata, parados de máis de cincuenta anos, ex reclusos... xente que ten moi difícil conseguir un emprego. Arroupa ten nestes momentos vinte e nove traballadores. Ofrécenlles un contrato de seis meses que se pode prolongar ata tres anos. 

"É unha empresa que converte cada unha destas prendas en novos proxectos de vida", resume a directora de Cáritas Diocesana de Santiago, Pilar Farjas.

"Dispomos dun capital humano marabilloso que se habitúa a vivir en España, que quere vivir e traballar con nós e que nos dá moitas da cousas que nós non temos agora mesmo", engade o presidente de Cáritas Española, Manuel Bretón.

Como Lizeth, colombiana, a outra empregada da tenda de Vilagarcía, que ata agora, en Galicia, só puidera traballar en negro. Ela espera que esta oportunidade lle sirva para entrar definitivamente no mercado laboral. Ten a bendición do propio arcebispo de Santiago, monseñor José Prieto, que acudiu á inaguración oficial da tenda e levou, tamén, algunha prenda de volta a Compostela.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar

Publicador de contidos