Trump anuncia aranceis do 100 % para a China pola súa postura comercial "hostil"
O presidente dos Estados Unido castiga a decisión do xigante asiático de impoñer controis á exportación de terras raras

O presidente dos Estados Unidos, Donald Trump, anunciou este venres que impoñerá a partir do 1 de novembro aranceis do 100 % á China, país ao que acusa de adoptar unha postura comercial "extremadamente hostil" ao querer impoñer controis á exportación de terras raras.
Trump concretou así a ameaza realizada horas antes, cando dixo que planeaba un "incremento masivo" de aranceis para os produtos chineses e afirmara que xa non prevé reunirse co mandatario chinés, Xi Jinping, como estaba previsto a finais de outubro en Corea do Sur.
Esas declaracións provocaran que as bolsas de valores dos Estados Unidos esborrallaran, con caídas superiores ao 3 % no Dow Jones, o S&P 500 e o Nasdaq, reflectindo a preocupación dos investidores polo impacto dos aranceis e os controis de exportación sobre a economía estadounidense.
Segundo Trump, a China anunciou que en novembro impoñerá controis masivos de exportación sobre todos os seus produtos, mesmo sobre algúns que non fabrica, "afectando a todos os países".
En represalia, proseguiu o republicano, os Estados Unidos aplicarán a partir do 1 de novembro, ou mesmo antes, un arancel do 100% á China, adicional aos gravames actuais. Tamén anunciou que impoñerá controis de exportación a softwars chineses.

Encontrón
O anuncio de Trump é o maior encontrón coa China desde que ambas as dúas potencias acordaran unha tregua arancelaria para negociar unha rebaixa das taxas, tras a guerra comercial agudizada en abril por Trump, que chegou a impoñer gravames ao xigante asiático de ata o 145%.
Trump e Xi falaron por teléfono o 18 de setembro e aprobaron un acordo preliminar para permitir a TikTok seguir operando nos EUA. Tamén acordaron verse a finais de outubro en Corea do Sur durante o cume de líderes do Foro de Cooperación Económica Asia-Pacífico (APEC).