A Xunta amplía o Bono Remuda para autónomos para atender máis solicitudes
Esta ampliación permitirá atender 67 solicitudes, maioritariamente de comercio e hostalería, que recibirán de media máis de 20.000 euros por beneficiario
A orde única con medidas para os autónomos contará o ano que vén cunha dotación duns 41 millóns de euros
A Xunta ampliou en case 300.000 euros, ata os 1,5 millóns de euros, o Bono Remuda destinado a asegurar a substitución xeracional en negocios, para que se poidan atender todas as solicitudes presentadas que cumprían os requisitos.
Esta ampliación, publicada no Diario Oficial de Galicia (DOG), permitirá atender 67 solicitudes, maioritariamente de comercio e hostalería, que recibirán de media máis de 20.000 euros por beneficiario, informou este luns a Consellería de Emprego, Comercio e Emigración.
Con este incremento, igualarase o orzamento previsto para esta medida en 2026, 1,5 millóns de euros.
En total, a orde única con medidas para os autónomos contará o ano que vén cunha dotación duns 41 millóns de euros e incluirá, ademais do Bono Remuda, outras novidades como a extensión ata os 24 meses da cota cero para as novas altas en calquera actividade asociada á agricultura, a gandería e a silvicultura.
Tamén volverá incluír o Programa de promoción do emprego autónomo, dotado con 28,9 millóns de euros, que consta dunha liña de cota cero para novas altas -durante 12 meses en xeral- e outra para impulsar o inicio da actividade e o mantemento do emprego.
Ademais, continúan o Bono Autónomo (8 millóns), para consolidar negocios con polo menos 42 meses de actividade; o programa Nova Oportunidade (1,5 millóns), para quen volve emprender, e o Bono Autónomo Concilia (750.000 euros).