OPINIÓN
Nin alarma nin compracencia, por María Bastida
A reacción da Xunta fronte á crise de Oriente Medio non debe lerse como a confirmación de que o golpe xa chegou de cheo á economía galega, senón como un sinal de que se están activando mecanismos de vixilancia ante a percepción dun risco crecente.
Por agora non estamos nun escenario de rescates, peches ou disrupcións xeneralizadas. O que se puxo en marcha é un dispositivo de seguimento: contacto coas agrupacións industriais, información directa sobre o terreo e coordinación loxística para anticipar problemas e, se fose necesario, preparar medidas de apoio. En termos económicos, iso reflicte unha fase de monitorización preventiva fronte a un choque externo aínda incerto.
E esa é a clave, pois os conflitos xeopolíticos non se traducen de forma automática en dano económico inmediato. Primeiro aparece a incerteza. Despois, se a tensión persiste, empeza a filtrarse polas rutas comerciais, os custos loxísticos, a enerxía, os seguros, os prazos de entrega e as cadeas de subministración. Só cando esa deterioración se prolonga termina afectando de verdade a marxes empresariais, prezos, investimento e emprego.
No caso galego, existe exposición á crise, pero non unha dependencia sistémica de Oriente Medio. O tecido exportador galego é amplo, diversificado e con experiencia internacional, o que amortece o golpe agregado. Agora ben, que o impacto macroeconómico poida ser limitado non significa que o risco sexa irrelevante. Hai centos de empresas galegas con presenza exportadora na rexión, e ademais o peso concéntrase sobre todo en téxtil, automoción e agroalimentario. Iso significa que o dano potencial pode ser moito máis intenso en sectores e empresas concretas, especialmente naquelas máis expostas a atrasos, custos loxísticos ou mercados específicos.
Máis que unha crise económica plenamente despregada, atopamos un posible episodio de estrés comercial e loxístico selectivo. A resposta da Xunta móvese, de momento, no terreo da información, a coordinación e a prevención, non no da compensación directa. Iso suxire que o problema se interpreta, polo menos por agora, máis como unha fricción operativa que como unha crise de solvencia. Á vista da información dispoñible, esa parece hoxe a interpretación máis prudente e razoable.
A Xunta acertou, por tanto, no primeiro movemento, malia quedar por definir con maior claridade o segundo. O primeiro é informativo e preventivo; o segundo, se chegase a ser necesario, tería xa un carácter máis operativo e estaría orientado a medidas de apoio concretas. Convén, en todo caso, poñer en valor o enfoque adoptado. Nun choque externo desta natureza, onde o decisivo non é só a intensidade, senón tamén a velocidade de transmisión, dispoñer de información temperá, coordinación loxística e capacidade de seguimento xa constitúe, en si mesmo, unha forma de protección económica. Pode parecer unha resposta aínda limitada, pero en escenarios de elevada incerteza anticiparse adoita ser máis útil que sobrerreaccionar tarde.