Publicador de contidos

Publicador de contidos

O ERE de Nestlé afectará a 27 traballadores da planta de Pontecesures

O ERE de Nestlé afectará a 27 traballadores da planta de Pontecesures

O comité, que rexeita frontalmente o expediente de regulación de emprego, denuncia que a fábrica é a máis prexudicada do grupo polos despedimentos 

A factoría produce o leite condensado para toda Europa, Oriente Medio e parte do Sahel, cunha media de 60.000 toneladas ao ano, segundo a CIG 

Fábrica de Nestlé en Pontecesures. Nestlé (Arquivo) Fábrica de Nestlé en Pontecesures. Nestlé (Arquivo)
G24.gal 06/05/2026 18:03

O comité de empresa do centro de produción de Nestlé en Pontecesures informa de que a compañía lle trasladou que o expediente de regulación de emprego (ERE) afectará a 27 traballadores desta planta.

Nun comunicado, o comité manifestou o seu "rexeitamento frontal" ás saídas expostas pola dirección durante a reunión celebrada este mércores para a constitución da mesa negociadora.

Os representantes dos traballadores sinalaron que as medidas propostas pola empresa "supoñerían afectar directamente a 27 persoas en Galicia e, por tanto, de 27 familias, o que consideran un impacto social de gran relevancia na contorna".

Estes despedimentos forman parte dun ERE anunciado por Nestlé que afectará a un máximo de 300 traballadores en toda España.

É unha medida "inxustificada", segundo o comité 

O comité advirte de que o centro de Pontecesures "é o máis prexudicado en relación ao seu tamaño e número de traballadores en comparanza co resto de plantas implicadas", o que, ao seu xuízo, "evidencia un trato desproporcionado cara ao persoal desta factoría".

Advirte de que son medidas "inxustificadas" que "poñen en risco tanto a estabilidade laboral como o futuro industrial do centro galego, considerado estratéxico".

Neste sentido, mostra a súa disposición para negociar, pero sinala que "calquera proceso debe partir de propostas que non impliquen unha perda significativa de emprego". Reclaman á dirección que reconsidere a súa formulación inicial e presente alternativas que permitan preservar o maior número posible de postos de traballo.

O comité de empresa non descarta a adopción de novas medidas se non se producen avances cara a un acordo equilibrado.

Doutra banda, na mañá deste mércores, representantes dos traballadores mantiveron unha reunión co secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, quen manifestou o seu apoio ao persoal afectado e a súa incomprensión ante as medidas de redución de emprego.

A CIG "rexeita" o ERE e di que non vai aceptar un só despedimento 

A CIG emitiu un comunicado no que expresa o seu "total rexeitamento" ao Expediente de Regulación de Emprego formulado por Nestlé.

A secretaria da FGAMT-CIG de Pontevedra, Cecilia Tarela, denuncia que, realizando unha comparación en porcentaxes, a planta de Pontecesures será unha das máis prexudicadas polo ERE, xa que o despedimento de 27 persoas supón o 14% do persoal total, dunhas 200 persoas traballadoras.

Tarela explica que na planta de Pontecesures faise a produción de leite condensado para toda Europa, Oriente Medio e parte do Sahel, cunha media de 60.000 toneladas ao ano, e que neste momento "está nun pico de máxima produción".

"Soster esta produción con 27 traballadoras e traballadores menos non é posible", asevera, reiterando ademais que a CIG non vai aceptar "un só despedimento" na fábrica.

A representante sindical rebate que existan causas económicas, organizativas ou produtivas que xustifiquen este ERE, e cita a facturación "marca" que alcanzou o grupo o ano pasado, cun montante de 2.984 millóns de euros.

"Cos números que presenta Nestlé a nivel estatal non vemos necesarios nin xustificados estes despedimentos e nos próximos días comezaremos coas accións e mobilizacións que sexan precisas pola continuidade de todos os postos de traballo", conclúe.

 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade