Publicador de contidos

Publicador de contidos

Funcas prevé que os efectos da guerra continúen meses e os alimentos suban ata un 7 % máis

Funcas prevé que os efectos da guerra continúen meses e os alimentos suban ata un 7 % máis

A fundación das antigas caixas de aforros prognostica que os prezos dos combustibles seguirán altos ata finais de ano

O consumo privado pode contraerse e haberá gastos previstos que se repensen ou se cheguen a cancelar

G24.gal 06/05/2026 15:27

Seguiremos pagando a guerra durante meses. Funcas, a fundación das antigas caixas de aforros, presenta as súas previsións económicas para 2026 e non poden ser optimistas.

A guerra en Irán, din, seguirá tendo efectos a medio prazo. Nun escenario positivo, o prezo do petróleo cotizaría a final de ano arredor dos 80 dólares e o do gas sobre os 45. Serían sempre cifras superiores ás de antes da guerra, cando o barril de Brent custaba 70 dólares e o MWh no mercado do Mibgas estaba en 30.

Pero se o conflito continúa e se mantén o bloqueo do estreito de Ormuz, os cálculos serán peores. O consumo privado "será menos boiante", di Funcas, e iso pode levar a que se repensen ou incluso se anulen gastos que estaban previstos.

"A verdade é que non. Non son moi previsora nesas cousas", recoñece unha moza diante do mercado de Teis, en Vigo.

"Non, non. Non penso viaxar, que é o que vai subir", di outra clienta da praza de abastos.

"Estamos retardando viaxes ou unha compra determinada dunha prenda ou dun moble", afirma pola contra un home.

"O mes que vén marcho de vacacións pero xa as teño pagadas e teño qur ir si ou si", conta unha muller.

"Si, eu teño un gasto aí, dentro de dous meses, as vodas de ouro, e hai que aforrar", revela outra veciña da zona.

"Reducimos as ceas ou os xantares fóra da casa e as vacacións planeámolas dun xeito diferente", explica outro cidadán.

Os economistas de Funcas prevén que os combustibles sigan estando caros e que, con iso, se encarezan outros produtos, como os alimentos frescos, que poderían subir ata un sete por cento. Falamos dun aumento sobre o que xa subiron, porque levan meses á alza. No comercio, xa o notan e hai xente que mudou os seus hábitos de compra.

"Antes a xente levaba tres quilos e agora leva quilo e medio, porque os cartos non chegan", asegura unha peixeira no mercado de Teis.

"Controlan moitísimo máis. Antes un quilo de rapantes era un quilo de rapantes, daba igual que fosen seis ou sete peixes. Agora din 'Somos catro na casa' e son catro rapantes", engade unha compañeira dende outro posto.

"E a xente gasta algo menos porque con catro cousas que levan dispárase unha barbaridade", completa o encargado dun posto de froita.

E máis canto máis dure a guerra. Aínda que rematase xa, din dende Funcas, os efectos vanse notar durante meses, porque o comercio de petróleo tardará tempo en se recuperar.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade